Kepa Junquera ofrecerá un concerto no Auditorio da Xunqueira en Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRedondela
A-
A+

A Rede de Músicas Soltas de Redondela, que vén desenvolvéndose dende o mes de xaneiro, froito da colaboración da Concellaría de Cultura e A Central Folque, remata este sábado cun concerto especial do artista vasco Kepa Junkera, que nesta ocasión estará acompañado do músico galego Xabier Díaz.

Kepa Junkera está considerado o músico que revolucionou a trikitixa, un acordeón diatónico que se fixo moi popular no País Vasco a partir do século XIX, e da música tradicional vasca en xeral. As súas improvisacións e as fusións de estilos contribuíron en grande medida e enriquecer o panorama musical vasco, e deron pé á creación dunha música sen fronteiras, aberta ás distintas músicas do mundo pero respectando as súas particularidades.

Na actualidade Kepa está presentando o seu último disco, GALIZA, un libro-CD gravado en 2013 e no que colaboran a maioría dos músicos e intérpretes galegos de máis sona, entre os que se atopa Xabier Díaz, e tamén alumnos da Escola Livre da Música Popular Galega, de aCentral Folque.

Neste concerto, que se celebrará no Auditorio da Xunqueira de Redondela o sábado 14 de xuño, ás 21.00 h, interpretarán temas deste traballo xunto a outros da colleita da tradición galega e temas xa clásicos no repertorio de Kepa Junkera. As entradas teñen un custo de 4 euros e estarán á venda dende o xoves 12 no Multiusos da Xunqueira.

11 de xuño de 2014 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.