Joselyn Brea e Diego Paz convértense en gañadores do clasificatorio para o campionato de España de Riveira
Joselyn Daniely Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Diego Paz (Arcade Inforhouse) proclamáronse hoxe gañadores do II Tríatlon Concello de Riveira, que é clasificatorio para o Campionato de España na distancia olímpica. En total son tres probas clasificatorias e a de Riveira será a única que se celebre no norte de España. Na proba feminina, houbo unha clara gañadora, Joselyn Daniely Brea (Tri-Penta Terras de Lugo). A venezolana foi moi superior e chegou a meta con máis de dez minutos de vantaxe sobre a segunda clasificada, Marta Barbeiro (A.D. Fogar). O terceiro posto foi para María Martínez (Atletismo Porriño), a case cincuenta segundos de Marta. Na proba masculina houbo máis emoción, e entre os tres primeiros houbo pouco máis dun minuto de diferente. O triunfo foi para Diego Paz (ArcadeInforhouse) cun tempo de 1:57:25. Diego foi o máis regular, sendo o mellor na natación, o sétimo mellor tempo na bicicleta e o terceiro na carreira a pe. A 36 segundos entrou en meta o seu compañeiro de club, Brais Canosa (1:58:01), mentres que terceiro foi Vicente Trewhela (Tri-Penta Terras de Lugo) cun tempo de 1:58:41. Ademais da proba de elite (que se celebrou sobre a distancia olímpica), tamén houbo unha proba popular con distancias máis curtas (300 metros – 40 quilómetros – 2,5 qm.).











