José López anuncia un investimento de 5 millóns de euros para obras de mellora nas parroquias estradenses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Estrada, José López, anuncia que o goberno local e a Deputación de Pontevedra completarán ao longo do presente ano a execución de obras no rural por un importe cercano aos 5 millóns de euros, o que supón “un investimento récord” nun só exercicio para actuacións de mellora nas parroquias.

Segundo explicou, este “esforzo inversor sen precedentes” no rural da Estrada está estruturado en catro grandes eixos de actuación: a mellora da estrada EP-7017 Liñares-Valboa, cinco progamas de asfaltado de viais, un plan de reforzo de actuacións no rural que inclúe a contratación de 20 operarios e un plan adicional de mellora do entorno rural con fondos municipais.

En relación co vial Liñares-Valboa, que está a acometer Covsa, José López agarda que o montante global do investimento supere os 2,4 millóns de euros ao incluir a mellora integral ata Oca, da que se está a elaborar o proxecto e que os técnicos estiman que o orzamento rondará os 600.000 euros.

López explicou que a fase en execución suma un investimento de 1,8 millóns de euros, posto que o prezo de licitación era de 1,7 millóns e a empresa adxudicataria ofertou melloras por 118.000 euros e unha baixa de preto de 300.000 euros, que se reinvertirá na propia obra.
O alcalde destaca que esta obra é “estratéxica”, xa que beneficiará diariamente a centos de veciños, e por iso agradeceu a “implicación persoal” de Rafael Louzán para “desatascar un proxecto enquistado durante demasiado anos”.

Asfaltados e cuadrillas de operarios

O segundo eixo destes investimentos no rural constitúeno cinco programas de asfaltado e mellora de pistas que, con orzamentos que oscilan entre os 132.000 e os 492.000 euros, permitirán arranxar e mellorar un total de 51 pistas en 33 parroquias.

López precisou que actualmente xa se atopa en execución un destes programas, financiado por AGADER, cun investimento de 132.000 euros e que está a mellorar nove pistas en Lagartóns, Matalobos, Baloira, Toedo, Codeseda, Figueroa e Olives. Os outros catro programas restantes atópanse en fase de aprobación dos proxectos técnicos ou pendentes de contratación das obras, que, en calquera caso, acometeranse no que resta de ano.

En terceiro lugar, López anunciou que o Concello da Estrada e a Deputación de Pontevedra están a ultimar un plan estratéxico de reforzo de actuacións no rural que suporá un investimento global de 800.000 euros, dos cales o organismo provincial aportará 500.000 e o concello os 300.000 restantes.

Este programa estará enfocado á execución de pequenas obras en lugares de interese común, como campos da festa, entornos das igrexas, fontes, etc. e permitirá actuar na totalidade das parroquias do rural. Para levalo a cabo, López anunciou a inminente contratación, a partires do día 1 de xullo, de 20 desempregados que se distribuirán en cinco cuadrillas de catro operarios que funcionarán en horario de tarde. Esta contratación está financiada cunha aportación de 83.637,60 euros da Deputación de Pontevedra.

Outras actuacións

Por último, o esforzo inversor previsto polo goberno local para as parroquias rurais ao longo deste ano complétase cun plan adicional de mellora do entorno rural, que suporá un investimento de 200.000 euros de fondos municipais. Ademais, a este importe José López engádelle o doutras actuacións xa en marcha como os 70.000 euros para completar as beirarrúas de Ouzande ou a posibilidade de acometer outros proxectos de mellora nun novo obradoiro de emprego.

7 de xuño de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.