Jorge Drexler presenta o seu novo disco “Bailar en la cueva” no Teatro Jofre de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrol
A-
A+

Jorge Drexler presentará o sábado 21 de xuño no Teatro Jofre a súa nova xira “Bailar en la cueva”. O concerto dará comezo ás 20:30 horas e forma parte do ciclo “Son(S) do Jofre” da Concellería de Cultura, que dirixe Manuel Reyes García Hurtado. A día de hoxe, dos 556 asentos que conforma na capacidade do Jofre soamente quedan dispoñibles 108 polo que os interesados en asistir ao concerto poden adquirir as súas entradas no despacho do teatro municipal ou a través de internet, na páxina oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).

Artistas tan dispares como Mercedes Sosa, Shakira, Omara Portuondo, Ana Belén, Victor Manuel, Neneh Cherry, Pablo Milanés, Ketama, Miguel Ríos, Ana Torroja, Sole Giménes, David Broza, Rosario, Jovanotti, María Rita, Simone ou Adriana Varela gravaron cancións de Jorge Drexler nos seus discos. A mediados de 1989 comezou a escribir cancións e en 1992 editou o seu primeiro traballo discográfico “La luz que sabe robar”.

Recoñecemos en Hollywood

En España gravou “Vaivén” (1996), o seu terceiro disco, con colaboracións de Joaquín Sabina, Luis Eduardo Aute e Javier Álvarez. Foi en 2005 cando o cantautor uruguaio adquiriu maior notoriedade ao recibir o Oscar pola canción “Al otro lado del río”, da película “Diarios de motocicleta”. Trátase da primeira canción en castelán da historia que recibe este galardón. Nos últimos anos acumulou tres nominacións consecutivas aos Latin Grammy Awards e dúas veces o Premio da Música Española, entre outros galardóns.

18 de xuño de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.