Jesús Gamallo participa na reunión da comisión Civex do Comité das Rexións

Intervención de Jesús Gamallo
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu hoxe á reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) na que se celebrou o diálogo anual entre este órgano consultivo da UE e a Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (FRA) sobre a protección do Estado de Dereito e os dereitos fundamentais por parte dos entes locais e rexionais da UE.
O obxecto destas xuntanzas anuais é, a través da presentación de boas prácticas, sinalar aqueles ámbitos nos que as cidades e rexións teñen a capacidade de desempeñar un papel destacado na protección dos dereitos fundamentais e extraer leccións claves de profesionais na materia. De tal xeito, o intercambio de experiencias sobre proxectos en funcionamento como poden ser os plans de acción pola protección dos dereitos dos nenos postos en marcha por municipios británicos, ou as iniciativas de fomento da participación dos inmigrantes na toma de decisións políticas en Dublín evidenciaron o potencial existente no enfoque multinivel da protección do Estado de Dereito dentro da UE.
Durante o diálogo, os representantes do CdR e da FRA avogaron por que o “Novo Marco da UE para reforzar o Estado de Dereito”, presentado pola Comisión Europea en marzo deste mesmo ano, teña en conta o papel que poden asumir as cidades e rexións nesta materia. Con tal obxecto, sinalaron como ferramenta fundamental a Carta da Gobernanza Multinivel, aprobada no pleno de maio do CdR, que aposta por unha mellor coordinación das políticas da UE entre os distintos niveis administrativos e, aplicada aos dereitos fundamentais, permitiría garantir a súa máxima protección.
Reforzar a cooperación rexional con terceiros países
A orde do día incluíu tamén o debate sobre o ditame relativo ao Paquete da Comisión Europea sobre a Política Europea de Vecindade (PEV) e o papel do Comité das Rexións na elaboración da mesma. A PEV é un instrumento posto en marcha en 2004 para desenvolver e estreitar as relacións cos países veciños da UE (os da ribeira sur do Mediterráneo, o Cáucaso e Europa Oriental), favorecendo nos mesmos reformas internas en prol da democracia, os dereitos humanos e o Estado de Dereito ao tempo que se lles proporciona o apoio político e a asistencia técnica e financeira comunitaria.
No debate deste ditame, no que interveu Jesús Gamallo, discutiuse a necesidade de reforzar o papel do CdR na elaboración da PEV, na que xa participa a través de foros que propician o diálogo entre as rexións europeas e as dos países veciños, como a Conferencia de Autoridades Rexionais e Locais da Asociación Oriental (CORLEAP, nas súas siglas en inglés) ou a Asemblea Rexional e Local Euro-Mediterránea (ARLEM). Entre as propostas debatidas esta mañá para acrecentar o peso do CdR neste ámbito político figuran a de crear un comité técnico con representantes das rexións e cidades para apoiar á Comisión ou a de elaborar un acordo marco que permita a cooperación directa con entes locais e rexionais dos países asociados.
O director xeral remarcou na súa intervención a necesidade dunha maior participación do CdR no desenvolvemento e elaboración da PEV, tendo en conta que entre os principais problemas que marcarán a axenda da UE para os vindeiros meses e anos figuran a presión migratoria e as relacións coas repúblicas ex-soviéticas e, como se está a ver na actualidade coa crise na Ucraína, o papel deste órgano consultivo pode ser fundamental para abordalas. Engadiu, en relación coa conflitiva situación na ex-república soviética e o referendo en Crimea, que “non se poden aceptar situacións de feito que vulneran a lexislación vixente e van en contra dunha das pedras angulares da UE: o Estado de Dereito”.
Os obxectivos mundiais de desenvolvemento despois de 2015
Durante esta reunión, dous representantes do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) informaron aos membros de CIVEX sobre a segunda fase de consulta da nova Axenda de Desenvolvemento despois de 2015, que está chamada a substituír os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio como marco de acción e cooperación mundial nesta materia. Tras una primeira fase de consulta en 2013 nas que que se identificaron arredor de 20 temas que deberían ser incluídos nesta nova axenda, a segunda fase que se está a desenvolver durante este ano céntrase nos medios e ferramentas para facer efectiva esta estratexia. Deste modo, o PNUD está a recoller as opinións de todo tipo de actores sobre cuestións como a mellora da capacidade institucional ou a participación da sociedade civil e o do sector privado para facer factible os novos obxectivos que se establezan. O PNUD invitou aos representantes rexionais e locais presentes a participar na conferencia que, neste sentido, se celebrará no Comité de Rexións o vindeiro 7 de xullo. O CdR informou, pola súa parte, de que no portal de cooperación descentralizada –posto en marcha hai tres anos a raíz dun ditame liderado por Galicia- xa existe un apartado onde os entes locais e rexionais da UE poden facer as súas contribucións para o deseño desta nova axenda a nivel mundial.
Competencias da Comisión CIVEX
A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Ten competencia en múltiples eidos como a política de inmigración e asilo, a cidadanía activa ou a cooperación descentralizada para o desenvolvemento. Galicia forma parte desta comisión e tamén da Comisión de Cohesión Territorial desta asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea.











