Iván Alonso non logra revalidar o título de campión de Europa de maratón en K-1
Iván Alonso non puido revalidar o título de campión de Europa de maratón en K-1 ao ser penalizado polos xuíces con cinco segundos. Segundo os árbitros, obstaculizou a José Ramalho na recta de chegada. Iván Alonso entrou primeiro na meta, pero despois sufriu a sanción dos xuíces tras a reclamación do equipo portugués e na clasificación final ocupa o segundo posto. O terceiro foi o noruegués Mathias Hamar. En C-1 destacou David Mosquera, que foi terceiro, mentres Manuel Garrido chegou no cuarto lugar.
A loita entre Iván Alonso e José Ramalho, que xa tivese un precedente similar o pasado ano en Vila Verde, repetiuse na última parte da proba en Eslovaquia. Ambos chegaron destacados despois de superar a última ciaboga e tras deixar atrás ao noruegués Mathias Hamar. Alonso e Ramalho empregáronse a fondo neses metros. O portugués non era capaz de superar ao tudense. Decidiu cambiar de estratexia e tentar a remontada por outro lugar, variando de forma clara a súa traxectoria.
Con todo, non logrou o seu obxectivo. Iván Alonso mantívose firme e a súa vantaxe foise ampliando ata converterse no gañador. Pero o equipo portugués mostrouse en desacordo e alegou que a traxectoria de Iván Alonso prexudicara a José Ramalho. A reclamación foi atendida polos xuíces, que tomaron a decisión de sancionar ao tudense con cinco segundos de penalización, suficientes para arrebatarlle o título de campión.
Iván Alonso terá este domingo a oportunidade de lograr a medalla de ouro en K-2 xunto a Emilio Merchán. Parten como favoritos. Tamén Óscar Graña e Ramón Ferro, os seus compañeiros no Kaiak Tudense, o son na modalidade de C-2.
En C-1, David Mosquera conquistou a medalla de bronce tras unha brillante regata. O padexeiro galego mantívose no grupo de cabeza e mesmo tivo loitou por unha mellor posición. Pola súa banda, Manuel Garrido terminou cuarto. Quedou sen forzas na última volta e non puido manter o ritmo dos seus adversarios.











