publicidade hoxe

Invístense máis de 128.000 euros no acondicionamento dos camiños rurais de Frades e Mesía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFradesLocal PortadaMesía
A-
A+
Belén do Campo na visita a Frades

Belén do Campo na visita a Frades

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá os concellos de Frades e Mesía para supervisar o resultado dos traballos de acondicionamento de varios camiños rurais destes municipios, aos que a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou unha achega de 128.276 euros.

Acompañada polos alcaldes Frades, Roberto Rey, e de Mesía, Mariano Iglesias, e polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Aguión, Do Campo recordou que se trata de actuacións que se levaron a cabo a través do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal que desenvolve o departamento autonómico.

Por unha banda, o concello de Frades recibiu unha achega de 53.845 euros, que serviu para renovar a capa de rodaxe e a limpeza das cunetas nos accesos a Chousa de Atrás (Ledoira), ao Castro (Abellá), a Consello-Carballal (Papucín), a Vilar de Abaixo (Frades) a Carnedo-O Ar (Abellá) e o acceso á area recreativa Os Pasos (Aiazo). Pola súa parte, en Mesía destinouse unha partida de 74.431 euros a acondicionar de igual xeito as vías da parroquia de Cabrui, que se corresponden co cruce de Mou a Xeral Cova de Vales, co lugar de Río, ca Gándara-cruce Escola, con Vilardevesa, con Cova de Vales e coas Foucellas a Tieira Grande.

O obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións en materia de desenvolvemento rural. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

No seu percorrido pola zona, a delegada territorial tamén subliñou que se trata dunha actuación que se leva a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos de Frades e Mesía. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle aos responsables locais “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

16 de xuño de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.