Invístense 1,3 millóns de euros na construción dunha nave de descarga de moluscos en Cambados

Rosa Quintana na visita ao porto de Tragove
A Consellería do Medio Rural e do Mar inviste un total de 1,3 millóns de euros na construción dunha nova nave de descarga de moluscos eno porto de Tragove, en Cambados. A titular deste departamento, Rosa Quintana, visitou esta mañá as obras, que teñen unha duración estimada de 10 meses, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.
Rosa Quintana destacou que esta nova construción suporá unha mellora das condicións de traballo dos usuarios do porto e do proceso de comercialización dos nosos produtos pesqueiros. Este espazo, engadiu, posibilitará aos usuarios dispoñer duns servizos acordes ás súas demandas.
O novo edificio consta dunha planta baixa que aporta unha superficie de uso de 840,77 metros cadrados. Este espazo, localizado nunha parcela paralela á da actual lonxa de Tragove, inclúe unha sala de poxa, dúas salas de decomisos, almacéns e cámaras de fresco e de conxelado, entre outras funcionalidades. As estancias completaranse con servizos básicos como aseos, vestiarios e despachos.











