publicidade hoxe

Investigan as circunstancias nas que se produciu un tiroteo con tres feridos en Cervantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervantesSucesos
A-
A+
Europa Press

A Garda Civil de Lugo investiga as circunstancias da discusión na que se produciu un tiroteo con tres feridos moi graves na localidade lucense de Cervantes.

O presunto autor do tiroteo, que se produciu no lugar de Couso, é un home de 87 anos, M.F.F., que disparou supostamente cunha arma curta (pistola) a un pai, J.G.G. de 62 anos, e ao seu fillo de 21 anos, R.G.C., ambos os dous veciños da zona, segundo indicaron fontes próximas á investigación.

De todos os xeitos, estas mesma fontes sinalaron que aínda se “descoñecen as causas da disputa”, aínda que sosteñen que, en principio, non teñen “constancia” de que existise algún “problema” entre os tres feridos.

Tras o tiroteo, fontes próximas á investigación manifestaron que o presunto autor dos feitos intentou suicidarse, polo que se atopa ferido de gravidade, ao igual que os outros dous implicados, un pai e o seu fillo. Por esta razón, os tres foron trasladados a hospitais da zona.

En concreto, o varón de 87 anos foi evacuado en ambulancia medicalizada ao Hospital Universitario Lucus Augusti; centro ao que tamén foi levado o sesaxenario nunha ambulancia asistencial acompañado por un médico de Primaria, mentres que o terceiro ferido foi trasladado en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), segundo confirmaron fontes sanitarias.

Ao lugar do suceso, que se rexistrou sobre as 11.30 horas, foron mobilizados o GES de Becerreá e a Garda Civil, así como o 061, que trasladou un helicóptero e unha ambulancia medicalizada, entre outros medios.

20 de xuño de 2014 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.