Iníciase a primeira quenda dos campamentos de verán de Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Os campamentos de verán que, como cada ano, organiza o Concello da Laracha, comezaron a desenvolverse esta mañá na praia de Caión. Esta primeira quenda vai dirixida a nenos de entre 8 e 11 anos de idade e cubríronse a totalidade das 50 prazas convocadas.

Cada día, desde hoxe e ata o venres, o autobús cos rapaces e os monitores sae da praza do Concello ás 10.00 horas e regresa 18.00. A parada para o xantar nas instalacións das antigas escolas da Ínsua de Caión é ás 14.00. Durante toda a semana os participantes realizan moi diversas actividades lúdicas, recreativas, culturais e deportivas, entre as que cabe salientar ruta de sendeirismo, a saída ao aquapark de Cerceda, o cursillo de surf e a xornada multiaventura que se realiza en Porto de Mouros, entre outras.

O Concello da Laracha asume os custos do transporte, do xantar e de todas as actividades que se realizan no termo municipal da Laracha.

Hoxe os nenos recibiron a visita na praia de Caión do alcalde, José Manuel López Varela, a da concelleira responsable das áreas de ensino, cultura, deportes e mocidade, Patricia Bello.

A segunda quenda dos campamentos de verán de Caión, dirixida a nenos nados entre os anos 1999 e 2002, comezará a desenvolverse o luns da próxima semana. Neste caso aínda hai prazas dispoñibles. A inscrición debe formalizarse no Concello.

Todos os veráns o Concello da Laracha aposta por celebrar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros educativos.

30 de xuño de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.