Increméntanse nun 29% as axudas a asociacións de comerciantes de Lugo
A Xunta de Galicia incrementa en case un 29% as axudas ás asociacións de comerciantes de Lugo para accións de dinamización do comercio local, tanto nos centros comerciais abertos como nas prazas de abastos.
Así o expuxo hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, quen deu conta do programa de axudas co que a Consellería de Economía e Industria fomenta o asociacionismo no comercio co obxectivo último de “contribuír á construción dun sector comercial máis competitivo e dinámico”.
A consellería resolveu a distribución de axudas por importe de preto de 220.000 euros (219.457,04 euros) para a revitalización e dinamización dos centros comerciais abertos de Viveiro, Chantada, Sarria, Monforte de Lemos, Lugo, Sarria e Ribadeo, así como para ás asociacións de comerciantes da praza de abastos destas dúas últimas localidades.
Esta liña de axudas servirá para “impulsar accións de dinamización da demanda” no comercio local, que é “o que máis preto está dos veciños, colabora na sostibilidade e no pulso das vilas, e ao que, polo tanto, aféctalle o que nelas ocorra”, segundo explicou a delegada, que estivo acompañada na presentación polo xefe territorial de Economía e Industria, José Manuel Vázquez Leirado..
Deste xeito, grazas a estas axudas os centros comerciais abertos e prazas de abastos beneficiadas desenvolverán 64 actuacións relacionadas coa dinamización comercial (48 actuacións), sistemas de fidelización de clientes (5 actuacións), sinalización comercial externa (4), unidades xerenciais e instalacións e equipamentos (nas prazas de abastos).
Arias fixo mención especial ás prazas de abastos por ser “referentes na venda de produtos frescos e de calidade”. Neste eido, as axudas inciden na mellora de dotacións, apostando “polos mercados que levan a cabo unha venda moderna, con servizos, diversidade e excelencia, buscando conservar a tradición da compra ao tempo que se da resposta ás novas demandas dos consumidores”.
A delegada aplaudiu o labor que desenvolven tanto os centros comerciais abertos como as asociacións de comerciantes das prazas de abastos, “constantemente preocupados por subir o listón, por mellorar a calidade, atención e o servizo que prestan aos consumidores” e animou aos responsables de comercios retallistas doutras vilas lucenses a seguir o camiño que manteñen estas asociacións.











