Inaugurouse a casa de cultura de Piloño no concello pontevedrés de Vila de Cruces
A Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, inaugurou esta tarde as obras de mellora da Casa da Cultura de Piloño, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. Durante o acto, a conselleira recoñeceu a importancia da posta en marcha dun servizo que contribuirá a aumentar a oferta artística, socio-cultural e deportiva. Do mesmo xeito, a titular do Medio Rural e do Mar, destacou a importancia do proxecto como impulsor do dinamismo cultural e asociativo nun concello, no que o 70% da súa actividade está vinculada ao sector primario.
As obras de reforma das instalacións da Casa da Cultura contaron cun investimento de preto de 200.000 euros, aos que a Xunta contribuíu cun orzamento do 70%. Este proxecto foi posible grazas aos 3,5 millóns de euros en subvencións que a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou aos proxectos dinamizadores das áreas rurais galegas. Unhas achegas, que segundo explicou, Rosa Quintana buscan “fomentar a dotación de locais sociais, áreas recreativas e actividades turísticas; mellorar os servizos básicos para a economía e a poboación rural, así como mellorar o patrimonio cultural e natural”.
Durante o acto a conselleira deu a noraboa aos promotores da reforma da Casa da Cultura de Piloño e sinalou que grazas ás actividades que alí se desenvolvan “xurdirán novas ideas para novos proxectos“ que contarán co apoio da Xunta de Galicia, “sempre que supoñan un beneficio para o rural galego”.











