Inaugúranse as xornadas de cooperación transfronteiriza en materia de emerxencias na eurocidade Chaves-Verín

Inauguración das xornadas de cooperación transfronteiriza
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presidiu esta mañá o acto de inauguración das xornadas de sensibilización sobre cooperación transfronteiriza, que se celebrarán dende hoxe e ata o venres, día 6, na sede da Eurocidade Chaves-Verín baixo o título “ A Cooperación Transfronteiriza en materia de emerxencias: colaboración e coordinación entre os organismos intervintes”. Ao acto tamén asistiron o subdelegado do Goberno, Roberto Castro; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz; e representantes do concello de Verín e da Cámara Municipal de Chaves.
Rogelio Martínez apuntou que estas xornadas contribuirán a fixar liñas de mellora que posibiliten “consolidar e institucionalizar os mecanismos de cooperación e coordinación transfronteiriza nun ámbito tan sensible como é o da xestión das emerxencias e así conseguir dar a mellor resposta ante as situacións que poidan xurdir, evitando duplicidades”.
A celebración destas xornadas enmárcanse dentro do Proxecto ARIEM 112 en materia de atención das emerxencias e protección civil no ámbito transfronteirizo de Galicia, Castela e León e a Rexión Norte de Portugal e contan coa participación de expertos na materia. Así, Técnicos dos servizos contraincedios, de un e outro lado da fronteira, representantes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, da dirección xeral de Tráfico, do Sergas e da Axencia Galega de Emerxencias, ofreceran unha completa análise da cooperación transfronteiriza dende as diversas perspectivas dos sectores implicados: a cooperación institucional, a cooperación en servizos de salvamento e contraincendios, emerxencias sanitarias, tráfico…











