Impulso ao traballo en rede dos axentes de promoción económica e dos empresarios de Verín, Valdeorras e Viana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Creando Redes

Creando Redes

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participaron hoxe xunto co alcalde da Rúa, Avelino García, na presentación do proxecto Creando Redes, impulsado pola Consellería de Economía e Industria para impulsar a colaboración para reforzar o tecido económico local das comarcas de Valdeorras, Viana e Verín.

Así, o proxecto persegue fortalecer as capacidades e coñecementos da rede de Axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) da zona e promover a creación e xestión de redes de traballo, tanto entre os propios profesionais, como entre os empresarios do territorio, todo elo co fin de dinamizar o tecido produtivo e explotar as oportunidades das comarcas.

O delegado da Xunta, Rogelio Martínez, subliñou que o obxectivo do proxecto Creando Redes é procurar a cooperación dos axentes de promoción económica que operan nos concellos destas comarcas ourensás para impulsar investimentos e dinamizar a actividade empresarial, para que ningún proxecto viable quede sen executar por falta de información ou dos instrumentos de apoio axeitados.

O director xeral do Igape pola súa banda salientou a importancia de poñer a disposición do tecido empresarial en xeral, e dos emprendedores das comarcas de Viana, Verín e Valdeorras en particular, unha ampla oferta de servizos e apoios para a creación e o desenvolvemento de novas empresas, en sintonía co especial marco de apoio do Impulsa Ourense. Neste sentido, destacou que os empresarios das comarcas xa poden acceder a diferentes liñas do programa integral de financiamento Galicia 1000, destinado a cubrir as distintas necesidades que poida ter a empresa en función da súa situación.

Aguilera Navarro referiuse ao impulso que a Xunta está a dar á actividade empresarial a través da Lei do Emprendemento e de instrumentos como a Unidade Galicia Emprende, e amosouse convencido de que os axentes de emprego e desenvolvemento local, traballando en rede, xunto cos técnicos de emprego dos concellos, terán unha importancia fundamental para reforzar o tecido produtivo das comarcas de Valdeorras, Verín e Viana.

O proxecto Creando Redes, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, busca reforzar o tecido de apoio á actividade económica e empresarial promovendo a formación especializada e a colaboración dos axentes de emprego e desenvolvemento local. O proxecto presentado hoxe na Rúa ten como obxectivos promover tanto a cooperación entre empresarios como a articulación e dinamización de redes de axentes de promoción económica para as comarcas de Verín, Viana e Valdeorras.

O proceso de formación e asesoramento, tanto presencial como en liña, desenvolverase ata fin de ano para formar aos participantes e promover a configuración de redes empresariais e redes profesionais entre os propios axentes de desenvolvemento local ou técnicos de promoción económica dos concellos.

3 de xuño de 2014 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.