III Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A Ruta do Viño Monterrei, promovida pola Axencia de Turismo de Galicia, organizará os días 07 e 08 de xuño as III Xornadas de Portas Abertas, coa colaboración do Concello de Verín, a través da Oficina de Información Turística, e da Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas.

Nas mesmas participarán sete adegas desta denominación de orixe que ofertarán visitas guiadas polas súas instalacións acompañada dunha degustación de viño de Monterrei totalmente gratuíta. As adegas participantes na iniciativa son: Abeledos, Boo Rivero, Crego e Monaguillo, Gargalo, Ladairo, Quinta do Buble e Valdeconde (o horario de visita será o sábado de 11.30, 13 e 18 horas e o domingo ás 12 horas). Para isto, ponse a disposición de todas aquelas persoas que queiran desfrutar deste xornadas de enoturismo o Bus do Viño. Trátase dun servizo de autobuses con saída da Estación de Autobuses de Verín. As saídas son o sábado 07 (ás 11, 12.30 e 17.15 horas) e o domingo 08 (ás 11.30 horas). O prezo do bono polas dúas xornadas é de 3 euros, que se pode adquirir previamente en Zafiro Tours, ou no propio autobús durante as xornadas (no caso de estar aloxado/a nun dos establecementos participantes nesta iniciativa, O Retiro do Conde e Parador de Verín, este servizo é gratuíto).

Tamén formarán parte desta xornada tres restaurantes (Brasil, Enxebre e Lugano) que ofrecerán un menú especial regado con viños da denominación de orixe Monterrei cun prezo final de 25 euros e de 10 euros para o menú infantil. Ademais, realizaranse ofertas especiais en dous establecementos: O Retiro do Conde, casa de turismo rural situada en Vilaza-Monterrei -o prezo de dúas noites para dúas persoas é de 125 euros (con almorzo incluído)-, así como no Parador de Verín, situado na subida ao castelo de Monterrei, onde o prezo é 125 euros -por noite para dúas persoas en réxime de media pensión- ou de 80 euros -en habitación dobre de uso individual-, a reserva xestionase directamente no propio Parador, por teléfono ou no correo electrónico verin@parador.es, especificando que se trata da oferta de Xornadas de Portas Abertas-.

As terceiras Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Monterrei, ademais das visitas guiadas e degustación gratuíta en adegas, tamén inclúen unha Andaina polos viñedos de adegas de Monterrei. Organizada pola Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas. Será o 07 de xuño, ás 16 horas (saída desde a praza do Concello de Verín). Unha ruta de doce quilómetros e dificultade media baixa entre Verín, Vilaza e Oímbra. Inclúe visita ás adegas Boo Rivero e Ladairo, visita polos lagares rupestres e cea na adega Crego e Monaguillo (servizo de autobús). O prezo é de 10 euros por persoa (cea e transporte incluídos). A inscrición formalízase en Multisport Verín.

O crecente interese pola cultura do viño supón unha boa oportunidade para que todo o mundo poida coñecer as adegas de Monterrei e a elaboración dos seus viños. A Ruta do Vino Monterrei encóntrase situada no sueste da provincia de Ourense, lindando coa fronteira de Portugal. Os seus viñedos aparecen estruturados en dúas subzonas perfectamente delimitadas pola súa orografía: o val de Monterrei e a ladeira de Monterrei. Nesta bisbarra encontraremos adegas que coroan espectaculares miradoiros na montaña e outras aos pés do val. Terra limítrofe con Portugal, na que a historia fronteiriza nos deixa como legado a impresionante fortaleza de Monterrei.

3 de xuño de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.