III Trofeo Capitán de Corveta Jaime Janer de barcos clásicos e de época en Marín
Gran ambiente para a segunda edición do trofeo Capitán de Corveta Jaime Janer Gran Premio Concello de Marín Ence para barcos Clásicos e de Época que organizan a Escola Naval Militar e o Real Club de Mar de Aguete coa colaboración do Monte Real Club de Iates de Baiona e organización técnica da empresa Desmarque. Regata que patrocina o Concello de Marín e a Deputación de Pontevedra.
A maioría dos veleiros participantes xa se atopaban na tarde do xoves atracados na Escola Naval e no Real Club de Mar de Aguete para tomar a saída este próximo sábado ás 13:00 h. desde Aguete con destino ao centro das Illas Cíes onde estará a liña de chegada despois de percorrer unhas 13,5 millas. A continuación xa a motor dirixiranse ao Monte Real Club de Iates de Baiona onde terán unha cariñosa recepción. Unha primeira etapa que se prevé difícil con ventos moderados a fortes e ademais do sur, é dicir, que a Costa da Vea sufrirana” ciñendo. Máis bonancible parece a xornada do domingo desde Baiona a Marín a partir das 12:00 horas e cunhas 16 millas de percorrido.
As dúas Divisións en que se dividirá a flota, fundamentalmente en base ao seu tipo de aparello e tamaño, denominadas GALATEA e ELCANO xa están case conformadas. Así, na ELCANO, irán fundamentalmente as grandes goletas, destacando as AROUSA, GIRALDA, AGUETE, GRACIOSA e SISARGAS, mentres que na División ELCANO irían os modelos máis convencionais, por exemplo os NOCTURNE, CASSANDRA, ZARA OF ARRAN, AYALA, CHISCO, CALÚA……
A conta atrás para a saída deuse na mañá do xoves cunha ofrenda floral no monumento que o insigne mariño ten erixido na Escola Naval Militar. Realizárona Jaime Jaquotot Janer, neto de Jaime Janer e o Comandante Director da Escola, Juan Luís Sobrino Pérez-Crespo, en presenza doutras autoridades civís, militares e familiares do prezado mariño.











