II edición de Fluindo no río Lérez na Illa do Covo
A Concellaría de Cultura presentou esta mañá o II Encontro de Cultura: Arte e Natureza “Fluindo no río Lérez” que se desenvolverá entre o 20 e o 22 de xuño na Illa do Covo. O proxecto pretende traballar durante tres días nun espazo máxico como son as marxes do río Lérez ao seu paso por Pontevedra, levando a cabo obras efémeras e respectuosas coa natureza, perfectamente integradas nesta.
Fluindo no río Lérez comezará o venres, 20 de xuño ás 20 horas na Casa das Campas cunha conferencia do profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego sobre “Introducción á natureleza”. A charla estará aberta ao público.
Alberto Ruiz de Samaniego é profesor de Estética da Universidade de Vigo, crítico cultural e comisario de exposicións. Foi director da Fundación Luis Seoane da Coruña. Publicou, entre outros, os seguintes libros: Maurice Blanchot. Una estética de lo neutro (1999), Semillas del tiempo (1999), La inflexión posmoderna: márgenes de la modernidad (2004) y Belleza del otro mundo: apuntes sobre algunas poéticas del inmovilismo (2006).
Nas xornadas do sábado e do domingo, o proxecto Fluindo no río Lérez convidará a 20 artistas para que realicen o seu traballo ao longo no ámbito da Illa das Esculturas o sábado 21 durante todo o día, e o domingo 22 pola mañá. O domingo, ás doce farase un percorrido polas vinte obras realizadas. Esta visita estará aberta a todas persoas que o desexen, e estará explicada polos mesmos artistas.
Estes 20 artistas estarán coordinados por Carmen Hermo e Antón Sobral, que ás 19.00 horas do sábado porán en común as súas experiencias no Pazo da Cultura.
Os coordinadores do proxecto definen Fluir no río Lérez da seguinte maneira: “Segundo o profesor Mihaly Csikszentmihalyi “flow” significa tamén “sentirse poseído por un profundo sentimento de gozo creativo”. (Óllese o seu libro “Fluir”, Editorial Kairos).
Para Daniel Goleman o concepto “flow” convértese no que el chama “intre branco”; é dicir, ese momento especial de harmonía, de grande creatividade e concentración onde todo o que fas sempre sae ben. (Óllese “El espírito creativo”, de Daniel Goleman).
Procuraremos ese FLOW, ese momento branco ao longo do río Lérez, sen presas, nun estado mental de relaxación e acougo. Ese intre vai xunguido a unha paisaxe fermosa que colabore en atoparnos ben con nos mesmos.
FLUINDO NO RIO LÉREZ: Deixarnos ir polo rio. Andar aboiados. Practicar ese concepto de “flaneur”, de deriva creativa, que todos levamos dentro.”











