Herville acolle o curso de primeiros auxilios ofertado dentro do programa Tempo para Informarte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, informou hoxe da boa acollida acadada na charla sobre primeiros auxilios básicos celebrada recentemente no Centro Cultural e Social de Herville, parroquia de Cela; actividade incluída no programa Tempo para Informarte organizado polo citado departamento municipal. A primeira charla deste programa, realizada no Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, versou sobre prantas medicinais e logrou tamén un enorme éxito de afluencia, congregando a máis de 40 persoas interesadas no tema.

A nova iniciativa formativa, Tempo para Informarte, é complementaria ó programa Tempo de Lecer, e ten como finalidade dotar ás asociacións veciñais e culturais do Concello de competencias formativas a través de charlas–coloquios.

Outro dos fins deste programa é dar resposta ás necesidades da poboación de aumentar os coñecementos para facilitar a adaptación ás esixencias da sociedade actual e mellorar a calidade de vida dos participantes.

Máis obxectivos das charlas–conferencias incluídas neste programa son fomentar o asociacionismo na vida sociocultural e comunitaria, potenciar o uso de procedementos de educación non formal e informal para o aumento ou actualización de coñecementos, facilitar ás persoas de Mos a posibilidade de ocupar o seu tempo de lecer con actividades formativas adaptadas ás súas posibilidades económicas, promover a participación social entre as persoas que máis o precisen e proporcionar alternativas de formación no seu medio máis próximo.

Tempo para Informarte levarase a cabo ata decembro de 2014, e a data e horario das charlas será o elixido polas asociacións que o solicitaron.

Este programa está dirixido a tódolos veciños/as maiores de 14 anos, empadroados no Concello de Mos ou que sexan membros dalgunha asociación inscrita neste Concello.

O listado de charlas entre as que as asociacións mosenses puideron elixir é o seguinte: Perigos ó volante, Roubos e hurtos, O peón, Primeiros auxilios básicos, Medicina alternativa (O parto: un pracer para a parella, Descubre o teu poder persoal, Cómo combater a ansiedade: remedios naturais, As flores de Bach, Nutrición eco “lóxica” e Consumo responsable, Prantas medicinais e aceites esenciais para fortalecer as defensas nos cambios de estación, A osteopatía biodinámica, A nutrición deportiva, A nutrición xeriátrica, Auriculoterapia, A acupuntura, A fitoterapia no deporte, A fitoterapia no paciente xeriátrico, Qué é a naturopatía e A masaxe Shantala), Enerxía, transportes e cambio climático, Tóxicos no fogar, Medio ambiente e saúde, Medio ambiente e consumo e Aforro na cesta da compra.

3 de xuño de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.