Hernández abordará con Currás o traballo pendente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O conselleiro de Medio Ambiente, número tres do PPdeG e próximo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, sostivo este martes que “o único” que ten “na cabeza” é a idea de “poder contribuír” co seu “traballo” a que Santiago “recupere a normalidade”.

“É o obxectivo e será o traballo ao que dedique o meu tempo a partir de agora”, comprometeu, en declaracións aos medios nos corredores da Cámara, antes de evitar as preguntas sobre a conformación do seu goberno, alegando que “hai menos de 24 horas que transcendeu que relevaría Ángel Currás á fronte do Pazo de Raxoi.

Así, consciente de que “toca pensar no mellor equipo que poida coller as rendas da cidade”, sinalou que iniciará ese traballo “de inmediato”. “O que toca é aterrar, reflexionar, falar con toda a xente, cos concelleiros do PP e, a partir de aí, tomar as decisións que correspondan”, indicou.

Tampouco se quixo pronunciar Hernández sobre o futuro político do seu antecesor, co que revelou que xa falou “varias veces”. “Creo que agora o que temos que facer é reflexionar ao respecto da situación, saber cál é a folla de ruta do actual alcalde e, despois, reflexionar con el sobre o traballo que é necesario facer no concello”, apuntou.

Ángel Currás anunciou o luns que cedía á presión do PPdeG e presentaba a súa dimisión como alcalde, mentres que deixaba “aparcado” o equipo, fundamentalmente con edís non electos, que configurara para cubrir as nove vacantes no grupo municipal do PP tras a dimisión forzada de sete concelleiros inhabilitados por prevaricación e a renuncia doutros dous imputados na Operación Pokémon.

En canto aos prazos que manexa para facerse co bastón de mando da Casa do concello compostelano, Agustín Hernández subliñou que “non depende” del, senón da Xunta Electoral Central e da convocatoria dunha sesión plenaria.

“RETO IMPORTANTÍSIMO”

A liña seguido, fixo fincapé en que o seu “único obxectivo” é lograr que “volva a normalidade á cidade” e que a veciñanza “visualice que o concello está para resolver os problemas da xente”.

“Teño ante min un reto importantísimo e, sinceramente, só teño na miña cabeza estar á altura do que se me pide”, resaltou, sen deixar de subliñar que, como veciño da capital galega, afronta o seu novo cargo “con muchísima responsabilidade” e “loxicamente, tamén con preocupación por estar á altura” do que o seu partido e os compostelanos “esperan” del.

“QUE SANTIAGO RECOBRE A NORMALIDADE”

Sen querer afondar nas causas que propiciaron que el se vaia converter no terceiro alcalde que o PP designa na capital galega nos últimos tres anos, declinou “reflexionar sobre o acontecido” e optou por pensar que ten “practicamente un ano” para dar resposta ao que “a xente está a demandar: que Santiago recobre a normalidade que nunca debeu perder”.

Preguntado directamente por que decidiu asumir esta responsabilidade, o ‘número tres’ do PPdeG explicou que o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, le “solicitou esta demostración de compromiso coa cidade” na que habita e a candidatura da cal pechou nas últimas eleccións municipais.

“Cando me ofreceron pechar a lista, eu tiña claro que tiña que demostrar o meu compromiso coa cidade e agora, nun momento que é complicadísimo e extraordinariamente difícil para a cidade, é cando se demostra o cariño e, se mo permiten, o amor a unha cidade”, proclamou.

“TRABALLAR POLA CIDADE”

Por último, despois de que Feijóo expresase a súa confianza en que Hernández permitirá “un goberno estable” para o final desta lexislatura e “para a próxima”, preguntado se cre que conta con tempo abondo para este reto, o aínda conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas remarcou que fará “exactamente o mesmo” que neste departamento.

“Traballarei todos os días dende as sete da mañá ás once da noite pola cidade, por resolver os problemas dos veciños e por retornar á normalidade a esta cidade, que o merece”, aseverou, para apostilar que dentro de menos dun ano os cidadáns “tomarán a decisión que consideren axeitada”.

Finalmente, desviou a pregunta sobre quen conseguirá a súa carteira no Goberno autonómico. “É un tema que compete ao presidente e é unha decisión del, obviamente”, resolveu Agustín Hernández.

10 de xuño de 2014 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.