Gran resposta do celtismo na primeira semana de campaña de abonados
O pasado luns arrincou, con varias novidades e vantaxes, a campaña de abonados para a tempada 2013/2014, que pecha a súa primeira semana cuns números espléndidos que reflicten a fidelidade e ilusión dos abonados e o entusiasmo dos afeccionados. Durante estes cinco días renovaron o seu carné máis de 1.100 abonados e rexistráronse ademais unhas 200 altas. O club pídelle aos seus abonados e afeccionados que renoven e se dean de alta canto antes para gozar das vantaxes da actual campaña e evitar as colas que se producen de maneira habitual nos días previos ao peche.
Entre as principais novidades da campaña 2014/2015 destacan a creación do carné ‘Sub-25’ en lugar do ‘Sub-24’, vixente a pasada tempada, e un desconto do 5% para as renovacións tramitadas antes do 11 de xullo, rebaixa acumulable ás vantaxes “Familiares” ou “Accionistas” ata un máximo aplicable do 15%.
Outro dos puntos novos desta nova campaña, tamén dirixido aos afeccionados novos, é a inclusión da categoría ‘Sub-25’ na bancada de Tribuna, onde ata agora só existían prezos de ‘Adulto’, ‘Sub-15’ e ‘+65’. Ademais, o club premiará aos abonados e afeccionados que tramiten o seu carné con prontitude. Os celtistas que renoven ou se dean de alta antes do día 11 de xullo non pagarán suplemento nos partidos designados como ‘Día do Club’, un mínimo de tres.
Os abonados do RC Celta continuarán gozando de numerosas vantaxes co seu carné, como o acceso gratuíto ao campo de Barreiro para seguir o partidos do filial, o desconto na tenda oficial do club e en patrocinadores oficiais ou a participación en atractivos sorteos ao longo de toda a tempada.
Non faltarán as facilidades no pago. Os abonados disporán de diferentes opcións para abonar o custo do carné da maneira que mellor lles conveña, como coa Tarxeta Comercio e Visa Novagalicia Banco (ata 3 meses sen intereses) ou con Credicelta (ata 12 meses cunha pequena recarga).
A campaña inclúe os habituais descontos a accionistas e familias. Os abonados cos carnés domiciliados recibirán o cargo a partir do día 25 de xuño. A cota de alta será similar á da tempada pasada: 85 euros para a categoría adulto e 45 euros para o resto.
As renovacións e altas pódense tramitar tanto nas oficinas de abonados, situadas no estadio de Balaídos como a distancia, as 24 horas do día e dunha forma rápida e sinxela, a través da oficina de abonados virtual: http://www.celtavigo.org/abonosCelta











