Gran éxito dos obradoiros municipais de teatro de Oroso
O centro cultural de Sigüeiro acolleu a pasada semana o debut teatral dos rapaces e rapazas do obradoiro municipal de teatro do Concello de Oroso que, baixo o nome “Teatro Cativo”, representaron “Romeo e Julieta: famosos namorados”, unha libre e divertida versión do clásico de William Shakespeare. Aínda que estes pequenos xa fixeran unha pequena demostración do seu talento durante o pasado Nadal, esta foi a primeira vez que actuaron diante dunha sala ateigada de persoas que non deixaron de aplaudir as actuacións dos pequenos.
Dirixidos por Andrea Álvarez Pino e coa axuda técnica de Alberto Rolán, polo escenario orosán actuaron Rodrigo Soto e Lucía Mira, como parella protagonista; ben acompañados por un grupo de nove rapazas: Marta Villaverde, Sara Fraile, Marta Lema, Carmen Carracedo, Elba Blanco, Laura Ruíz, Ana Villaverde, Lara Rodríguez e Natalia Baleato.











