Gran éxito de público na charla sobre o recibo eléctrico en Ponte Caldelas
O Salón de Actos do Centro Cultural de Ponte Caldelas quedou pequeno para albergar a charla sobre o recibo eléctrico organizada polo Concello e a Deputación de Pontevedra, en colaboración coa unión de consumidores, dentro do programa “Electricidade, un camiño cara ao aforro”.
A través dun técnico da Uión de Consmidores, os asistentes puideron coñecer todos aqueles temas relacionados co recibo eléctrico, que pagan cada mes ou bimensualmente,así como os “misterios” relacionados co mercado das eléctricas. Tamén abordaron cuestións como as opcións existentes á hora de contratar a electricidade; os sistemas de facturación e as diferentes tarifas e prezos aos que se pode acceder ou consellos que o usuario deberá ter en conta para aforrar na factura.
Un do aspecto que máis chamou a atención ao numeroso público asistente foi debullar por completo os variados e complexos conceptos polos que se paga nunha factura de electricidade; as diferenzas entre o mercado libre e o regulado e como saber cal convén máis e, mesmo, a cal se está acollido na actualidade; así como criterios para elixir o contrato, a tarifa ou a potencia que mellor se adapte á situación de cada consumidor e, en consecuencia, resúltelle máis económica.











