Gran espectáculo futbolístico este fin de semana no campo dos Escolapios
O campo de fútbol dos Escolapios será este sábado o escenario da Fase Final Galega de Fútbol-8 na categoría benxamín.
Trátase dun campionato organizado pola Federación Galega de Fútbol, en colaboración co concello de Monforte e o C.P. Calasancio, no que participarán oito equipos divididos en dous grupos.
No grupo “A” estarán os clubs Ponte Ourense S.A.D., C.P. Calasancio, E.D.C. Verín e Pabellón Ourense; mentres que no grupo “B” competirán os equipos de U.D. Santa Mariña, R.C Celta S.A.D., C.D. Areosa e Coruxo F.C.
Os partidos comezarán ás dez da mañá e terán unha duración de 45 minutos, con dous tempos de vinte minutos e un descanso de cinco. Os encontros sucederanse de maneira continuada nos campos un e dous, dende as 10:0 ata as 14:05 pola mañá e de 17:00 a 19:50 pola tarde.
Os dous primeiros de cada grupo clasificaranse para a Fase Final, e o terceiro e cuarto de cada grupo disputarán a Fase de Consolación, xogando partidos dun só tempo e trinta minutos de duración (3º contra 3º e 4º contra 4º), para definir a clasificación do 5º ó 8º posto.
As semifinais xogaranse ás 18:25 h., en partidos de dous tempos de 20 minutos de duración, cruzándose o primeiro e o segundo de cada grupo. A final e a final de consolación xogaranse ás 19:15 h. en partidos de dous tempos de quince minutos cada un.
Os dous clubs que disputen a final clasificaranse para a fase Final Galega de F-8 Benxamín.
Este sábado teremos unha boa oportunidade de ver fútbol en estado puro, sen especulacións nin falcatruadas, onde o que verdadeiramente importa é xogar e divertirse, competindo con ilusión para lograr a vitoria, sempre con honra e deportivamente.











