Gran afluencia de público ao concerto de fin de curso dos alumnos da Escola de Música de Lousame
Sesenta alumnos e alumnas da Escola de Música de Lousame, acompañados por 9 profesores, ofreceron esta fin de semana o seu tradicional concerto de fin de curso no auditorio da Casa da Cultura de Lousame. Un auditorio que estaba cheo ata os topes, con máis dun cento de asistentes.
En primeiro lugar, os alumnos e alumnas ofreceron actuacións individuais nas modalidades de frauta, óboe, clarinete, saxofón, trompa, trombón, tuba e percusión, entre as que tamén houbo algún que outro dúo e trío. O concerto rematou coa actuación da Banda Xuvenil da Escola de Música de Lousame, que interpretaron catro pezas do compositor holandés Jan de Haan.











