Gran acollida dos campus de verán da Fundación Celta
Os Campus de Verán 2014 que organiza a Fundación Celta de Vigo están a ter unha gran acollida por parte dos afeccionados e seguidores do Real Club Celta que buscan un plan para que os máis pequenos desfruten do verán. O bo ritmo de inscricións fixo que sedes como a de Monforte de Lemos, con apoio do Concello da localidade lucense, complete o seu aforamento nunha mañá, mentres que outras xa contan con numerosas solicitudes para participar este ano da xenial “Experiencia Celta” organizada pola fundación do club celeste. A opción de pensión completa que se ofrece nas instalacións de Melgaço está próxima a cubrir o seu aforamento.
A pesar de que existe un límite de inscricións nas restantes sedes, aínda quedan prazas en Vigo e Melgaço, así como na maior parte das localidades repartidas por toda a xeografía galega até unha semana antes da celebración do campus. Con todo, todos aqueles que se inscriban en calquera das sedes antes do 15 de xuño poderán participar no sorteo dunha camiseta oficial do Real Club Celta asinada por algunhas das figuras máis destacadas desta campaña. Ademais, continúan vixentes os importantes descontos para membros colaboradores da Fundación Celta, socios e abonados do Real Club Celta.
Os Campus de Verán da Fundación Celta continúan sendo un referente no panorama de actividades deportivas de Galicia e supoñen unha gran oportunidade para gozar dunha semana chea de entretemento e formación cos profesionais da canteira do Celta. Ademais, este ano veñen con numerosas novidades, como adestramentos en Balaidos e xantares no comedor que os xogadores do primeiro equipo empregan durante os seus adestramentos na Madroa.











