Gran acollida do mercado medieval, monicreques e música nas Festas de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

As festas de Ourense 2014 remataron onte cun balance positivo, tras 10 días de animación, teatro e música nas rúas do centro e casco Vello da cidade e as súas prazas máis emblemáticas coma protagonistas. Mentres os espectáculos dirixidos aos nenos e nenas contaron coa implicación e afluencia das familias e encheron a Alameda de Bispo Cesáreo, os Xardíns de Padre Feijóo e a Praza de San Martiño; a Praza Maior e o Xardín do Posío, acolleron a ampla oferta musical con propostas para tódolos públicos.

Aos espazos xa consolidados cunha oferta musical a diario uníronse a Praza do Ferro e a Praza de San Marcial con escenarios fixos e As Burgas, cunha gran afluencia na sesión vermut celebrada esta fin de semana e que gracias á boa acollida, non se descarta manter nos meses de verán.

Unha Praza Maior chea e atenta á actuación da Coral de Ruada e Os Melidaos, puxo o broche final ás Festas de Ourense 2014 que organiza a Concellería de Cultura. A concelleira de Cultura, Ana Garrido, fixo balance da programación deste ano, esta mañá, no Salón de Plenos, acompañada do técnico da Concellería de Cultura, Manuel Freire. Ambos valoraron moi positivamente a ampla participación e afluencia de público a tódalas propostas da programación desta edición: “a cidadanía, con independencia da súa idade, contou cunha oferta lúdica e cultural ao longo de 10 días”

A concelleira de Cultura, Ana Garrido, comezou a súa intervención amosando o seu agradecemento ao equipo da Concellería de Cultura: “é unha honra contar con este equipo encabezado por Manuel Freire, sen o cal non sería posible levar adiante as nosas propostas”, ao tempo que rematou a mesma intervención agradecendo aos colaboradores, colectivos, empresas e aos medios de comunicación pola súa axuda, compromiso e implicación no desenvolvento das festas grandes da cidade.

Balance de participación

Entre as actividades que contaron cunha maior afluencia de público destacan o mercado medieval, este ano adicado á artesanía galaico portuguesa, e onde os malabaristas, desfiles, obradoiros e o mercado e zoco, contaron cunha afluencia de máis de 40.000 persoas entre o xoves e o domingo.

Ana Garrido suliñou a posta en valor dos espazos máis emblemáticos da cidade e a dinamización das prazas co teatro de rúa, microteatro e instalacións na Alameda do Concello, actividades nas que participaron ou acudiron unhas 5.000 persoas.

Os Dixie Boys na Praza do Ferro e o concerto flamenco na Praza de San Marcial, completaron a oferta musical, xunto coa noite sabinera e Bestlife, no xardín do Posío, actividades que deleitaron aos máis fans e sorprenderon aos descoñecedores da canción flamenca e de autor.

Con respecto ás propostas musicais: a Praza Maior estivo a diario chea e de xeito especial no concerto da gaiteira Cristina Pato e na actuación de Txarango e Sonoro Maxín, os bailes orientais e o Septeto Santiaguero que trouxo aires cubanos o sábado e que contaron cao participación diaria de máis de 3.000 persoas.

O sábado os fogos artificias abraiaron aos máis cativos e cativas que se situaron á beira do Miño e nas pontes da cidade, cunha resposta moi positiva en canto ao cambio de día, xa que tradicionalmente teñen lugar o domingo.

O Festival Derrame Rock e Fangoria congregaron a máis de 10.000 persoas

O 20 e 21 de xuño o Festival Derrame Rock, o recinto de Expourense recibiu a máis de 8.000 persoas, co reclamo de Loquillo ou Barón Rojo, na primeira xornada, ou de Marky Ramone, Celtas Cortos e La Pegatina, grupo catalán de ska e rumba que evidenciou sobre as táboas o porqué da cantidade de premios que ten colleitado ata o momento, na segunda. Esta última sesión tamén contou coa actuación de Acidoproyect, Prap´s, Backfilp, Attaque 77, Rulo e A Contrabanda, Gatillazo e Habeas Corpus.

Outra das actuacións estelares nesta XIX edición do Festival, foi a de Marky Ramone, o que fora batería dos Ramones, que voltou a España para ofrecer 6 concertos coa súa banda Marky Ramone´s Blietzkrieg, con Andrew WK como vocalista.

O promotor do Festival, Enrique Granda, asegurou, a modo de balance que “no primeiro día de festival se contabilizaron máis de 3.000 persoas e o sábado 21 de xuño se superaron as 4.000” Se a este número se suma o público ao concerto ofrecido o pasado sábado, día 28, con Fangoria coma cabeza de cartel, acompañada polas Nancys Rubias e os Dirty Fanecas “falamos de máis de 10.000 persoas”.

Cobertura nas redes sociais

Os perfís da Concellería de Cultura en Facebook e Twitter estiveron permanentemente actualizados. Foron publicadas máis de 40 actualizacións en Facebook e 140 en Twitter, informando cada mañá da programación da xornada, e cubrindo en vivo o que acontecía en cada actividade, notificándose tamén os cambios na programación, traslado de ubicacións e cancelacións por mor da choiva. Foron recollidas e publicadas nas redes sociais unhas 300 fotografías do que en cada recuncho da cidade estaba a acontecer.

Chegouse a través do Social Media a unhas 20.000 persoas durante as festas, acadando algunhas publicacións especial viralidade, como a xornada na que nos visitou Cristina Pato.

30 de xuño de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.