Gondomar continúa cos traballos para o día grande de Corpus
A vila condal prepárase para celebrar a tradicional exposición de alfombras florais con motivo da celebración do Corpus Christi. Dende fai dúas semanas distintos grupos veciñais traballan sen descanso para confeccionar os deseños que encherán de cor o municipio, desde o atrio de San Benito ata a praza do concello, destacando os seus tapices na escalinata da igrexa, onde as alfombras cubren completamente de flor os seus peldaños, acontecemento que tan só se pode apreciar en Gondomar.
Nestes últimos anos, ademais dos grupos de traballo que se reúnen todos os días na carpa situada na Alameda e no barrio de Bade, tamén participan neste evento, veciñ@s das parroquias de Chaín, Couso, Mañufe e Vincios, co fin de coordinar as tarefas dos distintos grupos de traballo. Todo iso, co obxectivo de lograr rematar a tempo os mantos florais que servirán de guía para a procesión que terá lugar a mañá do domingo 22 de xuño.
Colaboración veciñal
As flores constitúen o elemento fundamental nas composicións destas alfombras que adornarán o municipio o próximo domingo 22 de xuño.
Ignacio Troncoso, concelleiro de Cultura do municipio, insiste en que calquera axuda sería benvida e fai un chamamento a todos aqueles veciños que teñan flores, para que colaboren coas agrupacións. “As flores son a materia prima destes mantos. Canta maior sexa a cantidade da que dispoñamos, maior será a diversidade e colorido das alfombras”, e engade que “toda a colaboración será benvida. Cantas máis mans teña o Corpus, mellor,”.
Troncoso quere agradecer de ante man a todos/as veciños/as, a súa colaboración na elaboración destes tapices “que fan de Gondomar un referente turístico a visitar nestas datas de Corpus”.











