Gondomar celebra as III Xornadas de Ximnasia Rítmica
O Concello de Gondomar, a través da Concellaría de Deportes que dirixe Natalia Salgueiro, e en colaboración co CEIP Souto Donas organiza a terceira edición das Xornadas de Ximnasia Rítmica, nas instalacións do Pavillón Municipal, desde as 17.30 horas.
A xuntanza contará coa participación de 68 nen@s pertencentes aos clubes do CEIP Souto Donas, CEIP García Barbón, Centro Deportivo Ureca de Nigrán, Club As Estelas de Baiona, As Triscas de Pontevedra e á Asociación de Danza Paralela de Gondomar.
Como club invitado contarase coa presenza dun trío do club de ximnasia acrobática Flic Flac de Vigo, no que se atopa Desi Vila, veciña da parroquia de Chaín. Destacar que o club Flic Flac participará no Campionato Mundial de ximnasia acrobática que terá lugar en París.











