Gómez Noya e Fernando Alarza participarán en Chicago na proba das series mundiais de tríatlon
Javier Gómez Noya regresa esta fin de semana en Chicago ás Series Mundiais de Tríatlon coa intención de esquecer o “tropezón” de Londres e sumar un novo triunfo que deixe case pechado outro título mundial. O galego suma tres triunfos nas catro primeiras probas do mundial, polo que o seu curriculum é case perfecto. Esta fin de semana en Chicago tentará poñer un novo “sobresaínte” a unha tempada espectacular. Con el estará Fernando Alarza, que buscará seguir sumando puntos no ranking mundial.
Ademais, hai que destacar a presenza de María Ortega na proba feminina, co obxectivo de arrincar puntos ITU. Chicago acollerá por vez primeira unha proba das series mundiais e na mesma estarán os homes que encabezan a clasificación provisional: Gómez Noya, Mario Mola e Richard Murray. Destaca a ausencia dos irmáns Brownlee, que este ano parece que xa renunciar a loitar polo título. A proba celebrarase sobre a distancia olímpica: 1.500 metros de natación no porto de Monroe, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe polo centro de Chicago. Na carreira feminina, que se celebrará o sábado 28 (19:30, hora española) tamén teremos representación. María Ortega buscarán sumar puntos ITU para a súa clasificación para o Xogos Olímpicos.
Europeo sub 23. Esta fin de semana tamén se celebrará o Campionato de Europa de Tríatlon sub 23 e Youth en Penza (Rusia) coa participación dos galegos Uxío Abuín, Ricardo Hernández e Nan Oliveiras (na proba masculina) e Melina Alonso (feminina). As probas individuais celebraranse o sábado (10:00 horas a feminina ás 12:30 horas), mentres que o domingo son as de relevos. As distancias serán olímpicas (1.500 de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 de carreira a pe) e hai que recordar que o pasado ano Uxío Abuín rozou o podio, ao rematar na cuarta posición.











