“G10”, “Golafre”, “Nubarrón” e “Victoria” vencen no XI Trofeo Guisanda
O pasado sábado celebrábase o XI TROFEO GUISANDA para a clase Cruceiro na modalidade de solitarios e a dous, organizada polo Real Club Náutico da Coruña e puntuable para o Circuíto Galego de Solitarios e A Dous.
Ás 12.00 horas, con vento do norte 10-12 nós de intensidade, dábase a saída aos 28 participantes sobre dous percorridos, o primeiro de 36 millas, virando balizas en “Cabo Prior”, “Mourón – Ares” e chegada en Coruña, e o 2º para os solitarios e os barcos máis pequenos de 26 millas, ciñendo até Cabo Prior e finalizando en empopada. En clase A DÚAS A, lideraron a proba desde o comezo “Cachete” de Edreira-Ardá, seguido moi de preto polo “GDiez” de José e José Naya (pai e fillo), e do “Kotablue” de Vilariño – Quiroga, estes últimos tiveron que retirarse tras virar a baliza de “Cabo Prior” por unha rotura no tangón. En clase solitarios a “Victoria” de Jesús Pintos marcaba a diferenza e rapidamente colocábase na cabeza, loitando mesmo con barcos de maior porte. Na DOUS B, o “Golafre” de Calvo – Rela fixo unha gran regata, sendo o único da clase que lle puido expor cara aos 4 unidades de J80 que competiron nesta categoría, aínda que tamén a tripulación formada polos irmáns Saul e César García co seu First 35 “Enki” estiveron diante. En categoría A DÚAS C, a loita centrouse entre o “Patacon” de Ubago-Vilar, “Salao” de Rivero-Igrexas, “Argallán” de Plana-Camiño e “Nubarrón” de López-García.
Cando o groso da flota virara a baliza de “Cabo Prior”, o vento de Nordeste aumentou de presión, dando emoción á baixada en empopada, ao través do “Cabo Prioriño” na entrada da ría de Ferrol alcanzáronse puntas de 25 nós. Tras a retirada do “Kotablue”, tamén o “Azahara” de Fernandez-Felgueroso tivo que retirarse case na chegada, por unha rotura do carro da maior que lles impediu finalizar.
O vencedor en clase A DÚAS A foi o “GDiez” de José Naya Senior e José Naya Junior, por diante de “Cachete” de Fran Edreira, mentres que en clase A DÚAS B, o vencedor foi o “Golafre” de Calvo-Rela, por diante do J80 “Meltemi” de Guillermo Branco e do “Enki” de Saul e Cesar García. En clase A DÚAS C o vencedor foi o “Nuboeiro III” de López-García, que daba a sorpresa, deixando por detrás ao “Patacón” de Ubago-Vilar e “Salao” de Rivero-Igrexas. En solitarios, a “Victoria” de Jesús Pintos mostrouse intratable por diante do “U47” de José María Peiteou e do “Araucaria” de Joaquín Cobelo.











