Futsal feminino, unha realidade no Santiago Futsal

Chus e Bea do Santiago Futsal
Tras a primeira tempada do equipo feminino do Santiago Futsal, as capitás dos dous equipos que compiten en liga local fan balance da súa experiencia no club e de como ven o fútbol sala feminino actualmente. Chus, do Santiago Futsal A Gaiola A e Bea, do Santiago Futsal A Gaiola B, falan en nome das súas compañeiras e analizan así a súa primeira campaña no club santiagués:
Aínda que levades 2 anos xogando xuntas, leste é o primeiro como Santiago Futsal A Gaiola, notades algunha diferenza?
Chus- Nestes dous anos o balance foi francamente positivo. Viñamos dunha tempada na que non entramos en competición e tanto deportiva como persoalmente, foi unha gran experiencia formar parte do Santiago Futsal A Gaiola.
Bea- Nótanse diferenzas obviamente, ao pertencer a un club desta envergadura obrígasche” en certo xeito a aumentar si cabe o compromiso, o esforzo, sendo consciente do club ao que representas. Tamén te marcas uns obxectivos individuais máis esixentes.
Que supón para vós pertencer a un club de fútbol sala como o Santiago Futsal?
C- É un orgullo. O Santiago Futsal ten un traballo de canteira e de progresión que nos deixou impresionadas. Coidan todos os detalles e fan que sexa algo máis que un club de fútbol sala. O Santiago Futsal A Gaiola é un gran proxecto de futuro.
B- Ser o primeiro equipo feminino do Santiago Futsal é algo único e irrepetible, iso quedará aí para sempre na historia do Club.
Antes de pertencer a el, erades seguidoras do club? acudiades aos partidos?
C- Eu persoalmente era socia e moitas de nós seguiamos ao club e iamos aos partidos do primeiro equipo e sempre nos preguntabamos porqué non tiña sección feminina. Agora é unha honra vivilo desde dentro.
B- Si, era seguidora do equipo, pero por motivos laborais non asistía a tantos partidos como me houbese gustado.
Este ano ademais, montastes unha pena, como vistes ao primeiro equipo esta tempada?
C- Fíxonos moita ilusión apoiar ao equipo desa maneira e aí estivemos a animar toda a tempada. Non se lles pode pedir máis traballo, constancia e xogo. Creemos que fan un fútbol diferente e fixéronnos soñar en cada partido. Pola nosa banda quixémoslles demostrar desde o primeiro día que non están sós.
B- Si, a pena foi unha idea moi divertida. Faiche ir aos partidos con máis ganas, si cabe! O primeiro equipo é moi forte, os xogadores, ademais de profesionais, teñen valores persoais moi destacables e forman parte dun gran grupo. Que máis se pode pedir!
Como valorades o traballo realizado coas categorías de base e femininas desde o club?
C- Moi didáctico, organizado e coidado. Todo ten unha razón de ser e todo parte da persoa, non do xogador.
B- A verdade é que é unha auténtica pasada todo o traballo que se está levando a cabo desde o club. Para nós é unha oportunidade única. E para os nenos, quen sabe si o día de mañá sairá da canteira un novo Diego Quintela ou un David Pazos!!
Como vedes o fútbol sala feminino? Que creedes que fai falta para que teña o mesmo apoio que o masculino?
C- Conta con moi pouco apoio, mesmo hai moi pouca xente hoxe en día que saiba que as mozas tamén xogamos ao fútbol. Quizá sexa necesario seguir tendo iniciativas que fagan chegar á xente desta realidade, que o propio ambiente
deportivo ou institucional coloque ao feminino en igual categoría que o masculino, non só nos medios de comunicación, falamos de axudas económicas, instalacións… Pero de fondo sempre soa o mesmo, o diñeiro.
B- Pois sinceramente, moi complicado. Aínda que se teña que traballar máis para poder chegar a conseguir o mesmo respaldo que masculino, penso que nunca chegará a ser igual. Hai demasiados intereses extradeprotivos detrás.
Que obxectivos márcase un equipo como o voso?
C- Marcámonos o obxectivo de gozar xogando, aprender, facer grupo e conseguir fomentar o fútbol sala feminino. No aspecto deportivo habemos traballado durante toda a tempada uns obxectivos pautados para a sección, cun gran resultado. O obxectivo non é gañar por encima de todo.
B- Primeiro obxectivos colectivos, xa non falo a nivel deportivo, senón persoal. Ante todo somos un GRUPO, unha piña. Cando estás a gusto nun equipo e hai feeling nótase na pista. A nivel deportivo buscamos cumprir os obxectivos que nos marcan desde o club, acordes co noso nivel.
Valoración persoal final ou algún comentario ou suxestión que queirades engadir.
CH- O proxecto da Gaiola era único e a fusión co Santiago Futsal achegoulle un valor engadido inigualable. Sentímonos moi ben acollidas neste club e estamos moi agradecidas por formar parte da primeira sección feminina da historia do Santiago Futsal. Confiamos en que se poida conseguir crear unha base feminina moi pronto.
B- A verdade é que o formar parte deste club permite que a filosofía que traiamos da Gaiola teña máis repercusión e póidase potenciar aínda máis. Só podemos dar as grazas a compañeiros e persoal do club, porque o trato recibido foi o mellor desde o primeiro día.











