publicidade hoxe

Frades convoca os campamentos municipais de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades vén de convocar os seus campamentos municipais de verán, que terán lugar do 14 de xullo ao 1 de agosto no multiúsos de Frades en horario de 10:00 a 14:00 horas. O prezo é de 20 euros para empadroados e de 30 euros para non empadroados, sendo preciso anotarse antes do 7 de xullo no Concello de Frades.

Os campamentos incluirán xogos, contos, cancións, bailes e visitas ao campo de fútbol municipal e á piscina de Papucín, onde haberá un día especial de xogos. Ademais, están previstos obradoiros de pulseiras, cupcakes, cociña e traballos manuais, así como diversas actividades deportivas.

Festa xogueteira

Así mesmo, o Concello de Frades ten preparado un amplo programa de actividades para este mes de xullo dirixido aos máis pequenos da casa. Un programa que dará comezo este sábado 5 de xullo cunha novidade: a “Festa xogueteira”, para nenos e nenas de preescolar e de infantil, que deberán estar acompañados dos seus pais. Unha festa que terá lugar na área recreativa “Os Pasos” (Aiazo) entre as 16:30 e as 20:00 horas (en caso de choiva, a festa sería no pavillón municipal de Ponte Carreira).

Esta “Festa xogueteira” está organizada pola asociación socioeducativa Antonio Gandoy e subvencionada polo Concello de Frades. Está dirixida a que pais e nais compartan tempo cos seus fillo a través de distintos xogos: construcións, música, contos, xogos de auga, pintura de dedos, area… Os participantes deberán levar a merenda e as bebidas.

Para o venres 11 de xullo está prevista a primeira das excursións do verán ao Aquapark de Cerceda. A expedición sairá de Frades ás 12:00 horas e volverá ás 20:00 horas. O Concello de Frades subvenciona o transporte, de xeito que os participantes deberán levar a súa comida e aboar unha tarifa de 5 euros (empadroados) e de 8 euros (non empadroados). Para os nenos e nenas menores de 4 anos a entrada é de balde.

Día do Neno e campionato de pesca

Un día despois, o sábado 12 de xullo, terá lugar unha das citas máis agardadas polos nenos e nenas de Frades: o Día do Neno. A partir das 15:30 horas, a piscina municipal de Papucín será o epicentro dunha gran festa gratuíta con inchables acuáticos e de terra, malabares, xogos, tren turístico para visitar as distintas parroquias, reparto de lambonadas, festa da escuma e outras sorpresas. A merenda correrá a cargo do obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata”.

Finalmente, xullo pecharase co tradicional Campionato Municipal de Pesca Infantil no río Maruzo (Céltigos). Será o sábado 26 de xullo, a partir das 10:00 horas, e poderán participar todos os nenos e nenas menores de 16 anos. Trátase dunha actividade gratuíta, que inclúe entrega de agasallos a todos os participantes e merenda.

Anotacións e máis información no Concello de Frades, no teléfono 981 69 55 67 ou en Internet, ben na páxina web www.concellodefrades.es ou ben no Facebook (www.facebook.com/mocidadedefrades):

30 de xuño de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.