publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Finalizan o curso de condutor doce persoas con discapacidade de Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFeneFerrolNarónValdoviño
A-
A+

O luns, 30 de xuño, remata o curso de Condutor D+CAP para vehículos de máis de nove prazas que organizou a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e na que se formaron 12 persoas con discapacidade, 11 homes e 1 muller, procedentes dos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Valdoviño.

O curso, que tivo unha duración de 140 horas teóricas e 10 de prácticas en autobús, estivo financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).

De luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, o alumnado acudiu ás clases sobre condución racional no transporte de viaxeiros, regulamentación do transporte de viaxeiros e organización do mercado e seguridade do servizo de transporte de viaxeiros.

Todas as persoas que formaron parte deste curso son usuarias do Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI de Ferrol, a maioría delas persoas paradas de longa duración e cun certificado de discapacidade ou incapacidade laboral. Proceden doutras profesións e decidiron apuntarse ao curso porque o viron como unha oportunidade de novas posibilidades laborais, como ser condutor de transporte de 065 ou de calquera empresa que oferten ofertas de emprego para o manexo de vehículos de transporte de persoas.

Nestes momentos, todas as persoas do curso superaron o exame teórico D e están realizando as prácticas de pista de circulación para poder acceder ao exame práctico. O exame do CAP será no mes de xullo.

Para formar parte desta formación, COGAMI entrevistou previamente a todo o alumnado que tivo que pasar un proceso de selección no que demostraron coñecementos xerais, o nivel de condución ademais de realizar unha entrevista persoal.

27 de xuño de 2014 | 10:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.