publicidade hoxe

Finalizadas as obras de reparación da ponte sobre o río Boente que comunica Arzúa e Santiso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúaLocal PortadaSantiso
A-
A+

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, supervisou hoxe as obras de reparación da ponte sobre o río Boente, que comunica os concellos coruñeses de Arzúa e Santiso.

Esta intervención, que supuxo un investimento total de 268.890,66 euros, fíxose como consecuencia das choivas torrenciais acaecidas no 2013, que danaron a ponte orixinal e provocaron o corte da comunicación por estrada, obrigando aos veciños afectados a facer un rodeo de entre 15 e 20 quilómetros para facer o mesmo percorrido.

Do investimento total para facer fronte á obra os concellos de Arzúa e Santiso achegaron 78.889,41 euros cada un e a Xunta 111.111,84 euros, ademais de facerse cargo da execución da obra. O acordo plasmouse nun convenio de colaboración asinado entre as partes con data de 6 de agosto de 2013.

Na visita á ponte a conselleira felicitouse pola colaboración institucional entre diferentes administracións que fixo posible o seu arranxo. Lembrou tamén que un dos principais obxectivos da Consellería do Medio Rural e do Mar é promover o desenvolvemento socioeconómico do territorio rural e a dinamización das áreas rurais de Galicia, así como a mellora da calidade de vida no rural, dotándoas das infraestruturas axeitadas.

Neste acto a conselleira estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, e o alcalde de Arzúa, entre outras autoridades.

11 de xuño de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.