Ferrol pon en marcha o novo servizo “Xantando en familia”
O Goberno Municipal de Ferrol activa esta semana un novo servizoque permitirá garantir a alimentación dos menores pertencentes a familias con dificultades económicas para cubrir as necesidades básicas alimentarias durante o período de vacacións escolares. A Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro e en colaboración con Cáritas, o Concello de Ferrol pon en marcha o programa denominado “Xantando en familia”, do que se beneficiarán máis de 150 menores do municipio que terán unha alimentación saudable e equilibrada nos seus propios domicilios dende este mesmo mes de xuño até o inicio do curso escolar o vindeiro mes de setembro.
O executivo que preside Jose Manuel Rey Varela deu conta esta mañá en Xunta de Goberno Local desta iniciativa que se desenvolverá co apoio de Cáritas, entidade que é coñecedora da realidade das familias xa que durante todo o ano presta axuda ás persoas e familias con menos recursos de maneira directa cun traballo pegado aos barrios a través das distintas parroquias. Ademais, cómpre lembrar que a Administración Municipal mantén un acordo de colaboración anual con Cáritas para atender casos de emerxencia e que ascende a unha contía de 25.000 euros.
O programa “Xantando en familia” é o resultado do traballo conxunto realizado polos técnicos municipais de Servizos Sociais e os responsables de Cáritas, que seguirán traballando de maneira coordinada no seguimento desta iniciativa que ten por obxecto que os menores teñan unha correcta alimentación no seu entorno familiar e así favorecer a protección da infancia. Así, as familias con menores que se beneficiarán deste servizo recibirán semanalmente nos seus domicilios un lote con alimentos, tanto perecedoiros como non perecedoiros, coa finalidade de garantir unha dieta equilibrada. O custe de cada un destes paquetes de comida por beneficiario é de 13,50 euros, asumidos a partes iguais polo Concello e Cáritas.
A intención da Conselleria de Benestar Social é asegurar durante o período vacacional a alimentación dos menores pertencentes a familias con serias dificultades económicas para cubrir as necesidades básicas. Para elo, actuarase dende as propias familias, velando porque sexa a familia a que alimente aos seus propios fillos. A edil Martínez Beceiro sinalou que “Xantando en familia” é un servizo acorde coa postura que estes últimos días fixo pública o Colexio Oficial de Traballo Social que entendía que a mellor solución para posibles problemas de alimentación que se detecten en menores pasa porque estes poidan ter acceso a unha dieta saudable nos seus propios domicilios, sen a estigmatización que, segundo estes profesionais, suporía a apertura en verán de locais ou dependencias específicas para o seu uso exclusivo por parte de menores de familias pobres.
Curso escolar 2014-2015
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou as bases que rexerán as axudas á escolarización e as becas de comedor para o vindeiro curso académico 2014-2015. Ao igual que nas anteriores convocatorias realizadas neste mandato, estas achegas municipais non teñen teito de gasto e están dirixidas a todos os escolares do municipio que cumpran cos requisitos marcados nas bases, sen discriminación en función do centro educativo no que cursen estudios. No curso que vén de rematar, o Goberno Municipal concedeu máis de 400 becas de comedor; e outras 800 para a compra de material escolar, uniformes, etc…
Por último, tamén se deu luz verde aos pregos reguladores da sétima edición do Premio Solidario Cidade de Ferrol 2014, que ten como obxectivo premiar os esforzos de iniciativas e proxectos nos ámbitos da solidariedade, cooperación e voluntariado. O premio consiste na entrega dun distintivo solidario e unha dotación económica de 5.000 euros.











