Ferrol patrocina a Copa Interprovincial Infantil Galega de Fútbol que se celebra o 21 de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrol
A-
A+

A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá a Copa Interprovincial Infantil Galega de Fútbol que se celebrará o vindeiro sábado, día 21, nos campos de A Gándara, Caranza e Aneiros. A edil ferrolá estivo acompañada polo delegado en Ferrol da Federación Galega de Fútbol (FGF), Manuel Ángel Mesa; e polo secretario da Asociación de Fútbol Aficionado de Ferrol (Afafe), Antonio Aneiros.

Esta copa contará con oito equipos dos clasificados por cada un dos grupos de playoff da Liga Galega Infantil. Os cuartos de final dará comezo ás 11:30 horas, as semifinais ás 16:00 horas e as finais ás 18:00 horas. Todos os encontros se disputarán a dous tempos de 30 minutos cun descanso de 10. Martínez Galdós quixo felicitar aos organizadores do evento deportivo “pola organización deste evento e polo traballo que realizan ao longo de todo o ano”.

Pola súa banda, o secretario da Asociación de Fútbol Aficionado de Ferrol (Afafe), Antonio Aneiros, quixo agradecer a colaboración do Concello de Ferrol “que sempre nos facilita os equipamentos para poder realizar estes importantes eventos”. Así mesmo, sinalou que a entrada será gratuíta e que participarán os equipos locais Galicia de Caranza e Racing Club Ferrol. Ademais, o vindeiro domingo, día 29, entre as 10:00 e as 20:00 horas, se celebrará a Fase Final Galega Alevín de Fútbol 8 da zona Norte no campo de A Gándara. No mesmo, participarán equipos como o Real Club Deportivo ou o Ural C.F.

19 de xuño de 2014 | 20:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.