Ferrol inaugura a XXV edición da Feira do Libro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrolLocal Portada
A-
A+

Ferrol celebra desde hoxe e ata o vindeiro domingo 15 de xuño a vixésimo quinta edición da súa Feira do Libro, que foi inaugurada esta tarde pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Federación de Librarías de Galicia e o Concello de Ferrol.

O acto inaugural foi o punto de partida desta nova cita da cidade ferrolá co libro e coa cultura, á que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, se referiu como unha oportunidade para darlle visibilidade á produción editorial galega, para lle achegar á cidadanía as novidades editoriais e para gozar dunha oferta de actividades de lecer para todos os públicos que teñen o libro e a lectura como protagonistas.

O responsable de Cultura estivo acompañado polo vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xosé Antón Pedreira; e pola concelleira de Educación e Deportes de Ferrol, por Susana Martínez, nun acto que contou co acompañamento musical do Real Coro Toxos e Froles e que tamén incluíu a visita das autoridades á exposición ‘Carvalho Calero. De Ferrol para o mundo’ así como aos stands da feira.

A escritora e actriz Paula Carballeira foi a encargada de ler o pregón nunha primeira xornada con Ramón Loureiro e Antonio Seijas na caseta da Libraría Lector Nobel, con Carlos de Vilanova no stand da Librería Day e con Antón Losada no stand da Librería Central. Finalmente, ás 20 horas, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, presentará o libro ‘Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo’, acompañado polo director xeral de Xerais, Manuel Bragado.

Actividades para reforzar o interese da feira

As Feiras do Libro de Galicia contan este ano cunha ampla e diversa oferta de actividades co fin de potenciar a lectura entre os diferentes públicos que as visitan. No caso de Ferrol, a programación inclúe 40 propostas para reforzar o interese da feira.

Actuacións e actividades musicais a cargo do alumnado e profesorado do Conservatorio de Música Xan Viaño, sinatura de libros con María Sande, Carlos Agulló, Francisco Narla ou Natalio Gómez; presentacións de libros a cargo do xornalista José de Cora ou de Paco Nogueiras; charlas-coloquio con Xavier Alcalá e Xoán Doldán, contacontos e recitais son algunhas das actividades que conforman a programación cultural da feira ata o vindeiro domingo 15 de xuño.

A nova edición do evento conta coa participación das librerías Central Librera, Metropoliscomics, Cortizas e Lector Nobel de Ferrol; Pedreira de Santiago, Cartabón de Vigo, e Day de Narón. Tamén dispón dun stand dedicado á ‘Gran Enciclopedia Galega’, dun espazo outlet e doutro para a biblioteca infantil.

Un percorrido polas catro provincias

O calendario de Feiras do Libro de Galicia 2014 comezou o seu percorrido polas catro provincias galegas o pasado mes de abril en Santiago de Compostela, ao abeiro dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación de Librarías de Galicia. Logo do seu paso pola capital de Galicia e polas cidades de Pontevedra, Lugo, Vigo e Ourense.

Despois do seu paso por Ferrol chegarán a Ribadeo (17 a 20 de xullo), Rianxo (24 a 27 de xullo), A Coruña (1 a 10 de agosto), Viveiro (14 a 17 de agosto), Foz (27 a 30 de agosto) e, finalmente, Monforte de Lemos (27 ao 30 de agosto).

11 de xuño de 2014 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.