Ferrol coopera coa Asociación de Persoas Xordas para o mantemento do servizo de intérpretes da lingua de signos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou esta mañá o convenio de colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrol para o mantemento do servizo de intérpretes da lingua de signos. No acto de sinatura estiveron presentes a presidenta da entidade, Teresa Gallo Lastra, e a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social, achega 23.000 euros para a continuidade do servizo. Esta contía supón un incremento de practicamente o dobre con respecto ao anterior mandato en que a partida económica que se destinaba á entidade de persoas xordas era de 12.500 euros. “Seguiremos nesta dirección que iniciamos ao principio do mandato de dar prioridade ás persoas e ás entidades sociais porque compartimos con elas o obxectivo de mellorar a integración. O noso apoio a estas entidades e colectivos é de verdade e non se limite a palabras senón que o facemos destinando máis recursos públicos”, manifestou Jose Manuel Rey.

Na súa intervención, o rexedor municipal transmitiu “a sensibilización de toda a Corporación Municipal coa eliminación das barreiras de comunicación así como a plena integración de todas as persoas que teñen unha diversidade”. Ao fío disto, Rey Varela reiterou que a importancia da labor das entidades na loita contra a eliminación das barreiras. Así mesmo, o primeiro edil da cidade lembrou que a Asociación de Persoas Xordas de Ferrol foi fundada en 1972 e que actualmente pertence á Federación de Persoas Xordas de Galicia e á Confederación Nacional de Persoas Xordas.

O alcalde ferrolán tamén sinalou que “non só se trata de sensibilización, senón da aposta polo benestar real”, ao tempo que manifestou sentirse orgulloso “de poder manter e incrementar os convenios de colaboración con entidades que prestan unha labor que non podemos prestar as Administracións”. Ademais, felicitou á entidade polo seu primeiro traballo audiovisual “Un día cualquiera” , unha curtametraxe que se proxectará o vindeiro venres, día 13 de xuño, ás 18:00 horas no Centro Cultural Carvalho Calero.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Persoas Xordas de Ferrol, Teresa Gallo Lastra, quixo agradecer ao alcalde “a súa sensibilidade especial pola nosa asociación e a súa colaboración coa firma deste convenio que permite romper as barreiras de comunicación que sofre o noso colectivo e facilitar a nosa vida cotiá e autonomía persoal”.

3 de xuño de 2014 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.