Ferrol contribúe con Aspanaes e AFAES Porta Nova para mellorar a convivencia de colectivos vulnerables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro, vén de formalizar dous convenios de colaboración coas asociacións ASPANAES Ferrol e A.F.A.E.S Porta Nova, por un montante conxunto de 8.000 euros. Dos cales, 5.000 euros correspóndense coa achega municipal a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (ASPANAES) e os 3.000 restantes a Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Afaes Porta Nova). Estes acordos de cooperación entre a Administración ferrolá e as dúas asociacións procuran a mellora da convivencia dos colectivos que teñen unha especial vulnerabilidade.

No que atinxe á Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (ASPANAES), o acordo de cooperación permitirá a realización do proxecto “Programa de apoio a familias e integración social de persoas con TEA”. O obxecto do convenio é a realización de actividades para fomentar os recursos de apoio as familias das persoas con TEA, así como promover a autonomía persoal e a socialización das persoas con autismo e outros trastornos do espectro autista.

Pola súa banda, a sinatura do convenio de colaboración coa Asociación de Familiares e Amigos de Persoas con Enfermidade Mental (Afaes Porta Nova) permitirá realizar o proxecto “Obradoiro de horticultura ecolóxica”. Este acordo de cooperación ten por obxecto cubrir a necesidade de integración laboral e social das persoas con trastorno mental severo e mellorar as súas condicións de empregabilidade a través da realización dun obradoiro de horticultura ecolóxica. Nesta actividade levaranse a cabo operacións auxiliares en cultivos agrícolas (acondicionamento do terreo, abono, aplicación de tratamentos en cultivos agrícolas, plantación, recolección e mantemento de instalacións nas explotacións) segundo un plan de traballo e cumprindo as medidas de prevención de riscos laborais, calidade e protección do medio ambiente. Ademais, este taller irá acompañado dunha serie de actividades de axuste persoal e social como parte da súa rehabilitación psicosocial.

O Goberno Municipal de Ferrol volveu incrementar este ano a partida económica dos presupostos xerais do Concello que destina a entidades de ámbito social até chegar aos 500.000 euros. O aumento desta dotación económica permitirá subir o montante das achegas municipais a algunhas das asociacións, así como que novas entidades firmen convenios de colaboración por vez primeira na súa traxectoria coa Administración municipal.

 

4 de xuño de 2014 | 20:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.