Ferrol autoriza a 22 establecementos a instalación de terrazas nas rúas María, Magdalena e Pardo Baixo
O Concello de Ferrol volve autorizar aos establecementos de hostalería situados en certos tramos das rúas María, Magdalena e Pardo Baixo a instalación de terrazas durante os meses de verán. O obxectivo desta iniciativa é contribuír á dinamización do sector e, ao mesmo tempo, animar as rúas do centro da cidade durante o período estival.
Así as cousas, dende o 1 de xullo ao 31 de agosto (ambos incluídos), estará pechada ao tráfico rodado a totalidade da rúa Pardo Baixo e certos tramos das rúas María e Magdalena entre as 12:00 horas e as 24:00 horas. Un total de 22 establecementos de hostalería contan coa autorización para a instalación de terrazas, dos cales 9 están situados na rúa Pardo Baixo; 6 na rúa Magdalena na mazá comprendida entre Terra e Rubalcava; e os 7 establecementos restantes sitúanse na rúa María no treito comprendido entre Terra e Concepción Arenal. A taxa reducida especial para este tempada de verán é de 2 euros por mesa e día.











