Ferrol acollerá a VIII Xira Karting no recinto de FIMO
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá a oitava edición da Xira Karting que se celebrará do 13 ao 15 de xuño no recinto feiral de Punta Arnela (FIMO). No acto de presentación tamén estiveron presentes a directora da Xira Karting, Raquel González; e o representante de Gadisa, Antonio Cortés, empresas que xunto con Coca Cola Iberian Partners e a Federación Española de Baloncesto patrocinan este evento. Este evento é posible grazas á colaboración de institucións públicas como o propio Concello de Ferrol e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
Na súa intervención, a edil de Deportes sinalou que a Xira Karting é unha iniciativa que “pretende acercar o deporte do automobilismo a todo o público e á vez servir de instrumento de educación viaria tanto para os nosos mozos como para aquelas persoas que xa non o son tanto”. Neste sentido, 400 escolares ferroláns poderán gozar o venres pola mañá e de maneira gratuíta da velocidade coa máxima seguridade á vez que agudizarán o seu sentido estratéxico xa que todos os karts teñen as mesmas características.
Pola súa banda, a directora de Karting Galicia manifestou que “é un pracer volver a esta cidade de motor na que a iniciativa sempre ten unha boa acollida por parte do público”. Esta oitava edición conta tamén con vehículos bipraza e unha zona de dinamización con xogos, inchables, agasallos e onde ademais poderase practicar escalada. O horario do evento será o seguinte: o venres de 10:00 a 14:00 (reservado a escolares) e de 16:30 a 21:30 horas, sábado e domingo de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30 horas.











