Fallo a favor do Concello de Oleiros no recurso presentado por UGT sobre o cadro de persoal de 2012
O xulgado do Contencioso-administrativo Número 4 da Coruña acordou desestimar o recurso presentado por UGT contra a aprobación definitiva de modificación de postos de traballo do Concello de Oleiros. Esta é a segunda ocasión na que o xulgado dá a razón ao Concello de Oleiros e neste sentido, despois de que o 19 de febreiro de 2013 esa sala decide o arquivo do devandito procedemento, pero UGT decidiu formalizar outra demanda, que agora, é desestimada.
A orixe desta demanda é o rexeitamento por parte do Concello dunha alegación presentada polo presidente da Xunta de Persoal contra a aprobación inicial da modificación da RPT que versaba sobre unha posible vulneración do artigo 37 da Lei 7/04 do estatuto básico do emprego público. Este artigo regula as materias obxecto de negociación entre as administracións públicas e os enlaces sindicais e representantes de traballadores. Na súa sentenza, o xulgado do Contencioso-administrativo Número 4 da Coruña dá a razón ao Concello e considera que as ditas alegacións non son considerables e que no se vulnera ningún artigo desta lei.
O texto sinala que «o exame do expediente revela que a Xunta de Persoal e o comité de empresa foron convocados, que se fixeron alegacións e que estas foron contestadas, aínda que desestimadas, por parte da Administración». Así mesmo, conclúe que «do estudo do expediente administrativo non resulta que se dean as condicións para a negociación colectiva que reclama a recorrente, polo que non pode prosperar o recurso interposto».











