Expertos en internacionalización comparten as claves para alcanzar o éxito no mercado exterior
O Pazo de Mariñán da Coruña acolleu onte a xornada “Innovación e internacionalización, alicerces básicos do crecemento”, organizada pola Factoría de Innovación da Coruña, promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
A incerteza económica que desde hai algúns anos atravesa en España está a provocar que moitas compañías vexan no estranxeiro unha excelente oportunidade para seguir medrando. A Factoría de Innovación da Coruña, consciente desta realidade, quixo fomentar a innovación como unha ferramenta eficaz para que as pemes cheguen á internacionalización, analizando as solucións máis alcanzables e as directrices básicas a seguir por unha entidade para iniciar a súa apertura cara a novos mercados.
Andrés Navarro, responsable do departamento Internacional do Grupo Tecopy, abriu o encontro explicando aos asistentes que o éxito dunha peme no exterior depende, en gran medida, de deseñar unha estratexia de internacionalización adecuada, comezando por realizar unha exhaustiva análise do mercado obxectivo e por buscar as axudas e apoios necesarios, tanto no país de orixe como no de destino. Así mesmo, destacou que a innovación é un instrumento diferenciador clave e animou ás empresas a perder o medo a exportar os seus procesos, produtos e servizos.
A continuación, Nuno Martins, responsable de negocio de DHL Express, analizou os principais aspectos que se deben ter en conta á hora de exportar (loxística e transporte, aduanas, aranceis, idiomas, particularidades dos países de destino,…) e presentou dúas novas ferramentas que deseñaron para facilitar os trámites ás pemes, TAS e JUMP. A primeira é unha aplicación que permite coñecer a normativa aduaneira de 34 países e ofrece información sobre os requisitos que se deben cumprir; e a segunda, unha plataforma, creada en colaboración con outros socios, que ofrece axuda a todas as empresas que desexen exportar e non saiban como.
Por último, Julio Sánchez, consultor da Factoría de Innovación da Coruña, pechou a sesión analizando as cuestións que unha entidade debe ter claras cando desexa comezar un proceso de internacionalización. Entre outros aspectos, puxo de manifesto a necesidade de coñecer ben o valor que se pode achegar e estudar en profundidade os escenarios dos diferentes países aos que unha entidade quere dirixirse, isto é, a súa cultura, idioma, contexto político e económico, legalidade, etc.











