Exitoso debut dos alumnos do IES de Oroso na obra teatral “Queixo e marmelo”

Representación da obra “Queixo e marmelo”
O centro cultural de Sigüeiro acolleu na tarde de onte mércores o debut teatral do grupo “Queixo e marmelo”, conformado por unha ducia de rapaces e rapazas do Instituto de Oroso. Unha estrea que tivo lugar no salón de actos do centro cultural Fernando Casas e Novoa e no que estiveron acompañados por medio cento de veciños e veciñas.
O acto estivo presidido polo concelleiro de Cultura, Antonio Leira, quen felicitou aos rapaces e rapazas tanto polo seu esforzo na posta en marcha deste grupo teatral como polo bo resultado ofrecido na representación desta peza de Castelao. Unha presentación pública na que participaron unha ducia de novos actores e actrices: Sandra Amigo Regueiro, Susana Amigo Regueiro, Yéssica Rey Bouzón, Miguel Romero Ruíz, Sebastián Armas Switalski, Javier Tellería Antón, Andrea Villar Ferreiro, Rebeca Jiménez Dual, Eva Villar Mañá, Gonzalo Boquete Liste e Pablo Rodríguez Rodríguez; que estiveron acompañados polo coro dos rapaces de 1º A do IES de Oroso.
Obradoiro municipal
A próxima cita co teatro para os veciños e veciñas de Oroso terá lugar o vindeiro xoves 19 de xuño e será un novo debut. Neste caso, quen se presentarán por vez primeira diante do público cunha peza teatral serán os alumnos e alumnas do Obradoiro Municipal de Teatro Infantil, que este ano botou a andar en Oroso.
Despois dunha pequena actuación o pasado Nadal, agora os rapaces e rapazas do Obradoiro Municipal de Teatro Infantil representarán “Romeo e Julieta: famosos namorados”, unha peculiar versión do clásico de William Shakespeare. A actuación será no centro cultural de Sigüeiro, ás 18:00 horas. A entrada é libre e de balde.











