Excelente xornada de Echegoyen e Betanzos coa prata provisional do FX
O vento moderouse na Kieler Woche que estes días se disputa na costa alemá de Kiel. Tras a xornada dominical na que os barcos non puideron saír á auga debida a unha compoñente racheada de máis de 30 nós, este terceiro día da regata caracterizouse por un vento algo máis amable, cunha media de 18 nós.
Estas condicións foron moi ben aproveitadas polo tándem galego/cántabro formado por Támara Echegoyen e Berta Betanzos (Movistar) RCN Sanxenxo/RCM Santander, que se marcaron dous terceiros nas dúas mangas disputadas hoxe. Con estes resultados parciais ascenden un posto. Do bronce pasan á prata provisional do podio de Kiel. Satisfacción do seu adestrador olímpico, o galego Pepe Lís, que manifesta o seu entusiasmo pola excelente progresión das representantes do Equipo Olímpico Español de Vela en FX. A catalás Aura Miquel, do CN Arenys de Mar, e Silvia Roca, do Club Náutic L´Escala, (Sandiline-Dr. Sails-Harken), están no 15 da xeral, non moi distantes en puntos do seu máis inmediatas antecesoras na táboa. Seguen á fronte as danesas capitaneadas por Jena Mai Hansen.
Peor sorte tiveron os asturianos Federico e Arturo Alonso (El Gaitero) do Real Club Astur de Regatas, que despois de rexistrar un cuarto na primeira manga do día, a segunda non foi tan afortunada e relegoulles ao 19 da xeral que, do mesmo xeito que o tándem catalán, atópase a escasos puntos para poder remontar con facilidade. Os irmáns Paz, Carlos e Antón (Deporte Galego-Dip. Pontevedra-Zhik-Cousin) do Liceo Casino de Vilagarcía, están no 41. A causa foi a retirada na primeira proba debido a unha rotura nos seus aparellos. O forte vento segue pasando factura. Líderes son o equipo británico de David Evans.
Mañá disputaranse mais mangas, cunha previsión no meteorolóxico de vento medio.











