Estudantes do Ceip Nazaret de Cangas comezarán a usar o “Camiño seguro” para ir á escola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Esta tarde a Casa da Xuventude de Cangas acolleu a presentación das rutas que conformarán o “Camiño Seguro” polo que alumnos e alumnas do CEIP Nazaret realizarán durante os últimos quince días lectivos o seu camiño diario ao colexio.

No acto estiveron presentes o concelleiro de Educación e Cultura José Luis Gestido, a concelleira de Tráfico e Seguridade María Luisa Prieto, o director do CEIP Nazaret, representantes da ANPA e a Policía Local e técnicos municipais.

Por primeira vez no Concello de Cangas instaurarase un “Camiño Seguro” para que os nenos e nenas poidan acudir andando aos seus centros escolares coas máximas garantías de seguridade. Esta idea nace no seo da ANPA do colexio de Nazaret para que “ os nenos vaian camiñando, coma facíamos nós antes, e adquiran unha maior independencia” tal e o como explica a súa representante da Asociación de Nais e Pais de Alumnos.

O próximo luns comezarán a funcionar as dúas primeiras rutas deste “Camiño Seguro”. Unha delas parte da rotonda do Mexilón en dirección Avenida de Bueu-Montero Ríos-Avenida Vicenti- Praza da Constitución e Rúa Real ata o centro educativo e a segunda opción parte da Rúa Noria en dirección Méndez Núñez e Rúa Real ata chegar ao colexio.

Polo momento hai inscritos un total de 16 nenos e nenas, oito para cada un dos camiños. Os interesados en participar poderán anotarse ao longo desta semana no centro así coma os pais que se mostren decididos a participar coma voluntarios.

Durante as dúas semanas finais do curso porase en marcha esta iniciativa a modo de experiencia piloto de xeito que se poidan valorar os puntos negativos e positivos da mesma e o “Camiño Seguro” poida comezar a funcionar de forma definitiva durante o mes de setembro, cando se inicie o curso escolar 2014/2015.

Dende a organización esperan que o proxecto sirva para animar a outros centros a sumarse a esta iniciativa. Así mesmo, se estas dúas rutas funcionan con éxito ao longo do próximo curso procederase a implantar outras novas do total de seis camiños que hai deseñados.

O concelleiro de Educación e Cultura sinalou que se escolleron estas dúas opcións por ser as que pasan por puntos nos que unha maior parte de nenos e nenas teñen as súas vivendas e por estar próximos a establecementos hostaleiros que os cativos poidan tomar coma puntos de referencia.

A concelleira de Tráfico e Seguridade anunciou que durante estes primeiros días o tráfico será cortado de forma puntual na Rúa Real durante o transcurso dos alumnos e alumnas pola mesma, que se estima terá lugar entre as 9,00 e as 9,15 horas.

Aparcamento de Nazaret

Durante o acto de presentación deste proxecto José Luis Gestido tamén anunciou que ao longo da próxima semana se procederá á sinalización do aparcamento da zona de Nazaret tal e como se aprobou fai uns meses na Xunta de Goberno Local.

Con estas medidas dáse resposta a unha demanda nacida dende fai anos por parte da directiva e a ANPA do Ceip Nazaret.

O concelleiro de Educación e Cultura espera que o resto dos centros escolares se animen a sumarse a esta iniciativa e pide a colaboración do resto da veciñanza de Cangas para que todo saia coma está previsto.

3 de xuño de 2014 | 10:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.