Estudantes da Escola de Turismo colaboran co V Congreso Europeo de Turismo Industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Un total de 17 estudantes da Escola Universitaria de Turismo do Centro Español de Novas Profesións, adscrita á Universidade da Coruña, colaborarán como persoal de apoio durante a celebración da III Edición do Crossroads of Europe e V Congreso Europeo de Turismo Industrial que se celebrará a próxima semana, do 17 ao 20 de xuño, en Ferrol.

A colaboración forma parte do convenio asinado entre a Escola Universitaria e o Concello de Ferrol, cuxa finalidade é facilitar que os estudantes de turismo poidan realizar prácticas externas extracurriculares en diversas instalacións dependentes do concello.

Durante os días en que se celebre o Congreso, os alumnos actuarán como persoal de apoio á organización do evento e ocuparanse dos labores de información tanto para os asistentes ao evento como aos expertos que impartirán relatorios e talleres de traballo.

Así mesmo, atenderán as persoas visitantes que acudan á exposición sobre Turismo Cultural e Industrial que estará aberta, de forma paralela ao congreso, na Fundación Novacaixagalicia, e acompañarán os participantes nas visitas culturais que se desenvolverán durante o congreso.

A III Edición do Crossroads of Europe e V Congreso Europeo de Turismo Industrial é un evento de carácter internacional organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Dirección Xeral de Empresa e Industria da Comisión Europea, a CCI FRANCE (Asemblea das Cámaras de Comercio e Industria francesas) e a Cámara de Comercio e Industria de Toledo.

Durante catro días daranse cita en Ferrol máis de 350 persoas e presentaranse un total de 38 relatorios e talleres de traballo que correrán a cargo de 59 expertos representantes de distintas institucións europeas así como da universidade, da administración e de empresas privadas, chegados desde distintos recunchos da Unión Europea.

O prazo de inscrición para asistir ao congreso finaliza mañá, día 11 de xuño. Os interesados poden rexistrarse a través da web do congreso http://www.europeanindustrialtourism.com/

11 de xuño de 2014 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.