Este venres celebrarase en Monforte a III Xornada do Conservatorio na Rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Este venres día 27 de xuño o Conservatorio Municipal de Música “Mestre Ibáñez” levará a cabo a “III Xornada do Conservatorio na Rúa”.

Esta experiencia realizarase en rúas peonís da cidade, Cardeal, Hermida Balado e Praza de España, entre as 19:00 e as 21:00 horas, aproximadamente.

Esta mostra, iniciativa da concellería de Educación e da dirección do conservatorio, pretende dar a coñecer a actividade que se realiza no centro dun xeito desenfadado, aberto e público, distinto ó habitual. Ó mesmo tempo, estas “clases distendidas” propiciarán a creación dun ambiente musical nas citadas rúas.

Na mostra participará alumnado do conservatorio, tanto de grao elemental como profesional, e tamén das escolas de música municipais. Eles serán os principais protagonistas, cada un no seu nivel. Individualmente ou en grupo, interpretarán distintos estudos e obras traballadas nos seus respectivos cursos lectivos.

No acto estarán representados tódolos departamentos didácticos do centro coas súas respectivas especialidades: clarinete, frauta, saxofón, gaita, trompeta, trombón, tuba, violín, piano, guitarra e percusión.

Esta experiencia persegue dar maior visibilidade á actividade formativa do conservatorio, ó tempo que o alumnado amosa os coñecementos e as habilidades musicais adquiridas.

26 de xuño de 2014 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.