Esta semana ponse en marcha a nova regulación do tráfico no entorno de Ravella
A Concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá porá en marcha esta semana a nova regulación da circulación rodada no entorno do Xardín de Ravella e que suporá a peonalización de parte das rúas Ramón e Cajal e Arapiles. Os cambios entrarán en vigor tan pronto como se rematen os traballos de sinalización horizontal e vertical e informarse dos mesmos a través do buzoneo nos edificios do barrio.
O concelleiro Benito Pérez Dorgambide comentou que os cambios nesta céntrica zona de Vilagarcía responden tanto a medidas de humanización e mobilidade das persoas, como de seguridade.
A actuación consistirá en completar a peonalización do tramo de Ramón y Cajal polo que aínda se podía circular, o que vai dende o cruce coa Rúa Arapiles e a intersección con Juan Carlos I e Gumersindo Nartallo. Neste último punto habilitarase un novo paso de peóns para dar continuidade á beirarrúa de Juan Carlos I xusto no cruce con Gumersindo Nartallo.
Este paso substituirá aos que se atopan actualmente nas inmediacións, tanto en Ramón y Cajal como en Gumersindo Nartallo, e a medida realízase por motivos de seguridade viaria, igual que o cambio no sentido da circulación de vehículos. A partir da entrada en vigor da nova regulación, os vehículos que circulen por Juan Carlos I en dirección a San Roque, poderán incorporase a Gumersindo Nartallo xirando á esquerda.
Como o último tramo da Rúa Arapiles se peatonaliza ao igual que o de Ramón y Cajal, cámbiase o sentido da circulación en Duque de Rivas por onde so se poderá circular dende Arapiles para conectar con Gumersindo Nartallo.
Estará prohibido o paso de vehículos polo último tramo de Arapiles e polo de Ramón y cajal, excepto para labores de carga e descarga e accesos a garaxe. Igualmente, prohíbese o estacionamento na zona.
Para informar dos cambios á cidadanía, en especial aos veciños da zona afectada, o Concello repartirá un folleto indicativo mediante buzoneo en tódalas vivendas do barrio.











