Entrega dos diplomas aos gañadores galegos do concurso Euroescola na Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Entrega do premio.

Entrega do premio.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse ata o concello da Estrada para facer entrega dos diplomas e premios ao equipo Afar do IES Manuel García Barros, gañador de Galicia da XX edición do concurso Euroscola. Trátase dun equipo formado por 10 mozos e mozas de 4º da ESO e unha profesora.

Dun total de 607 equipos educativos participantes de toda España, os 12 equipos gañadores desta edición son: o IES Ramón y Cajal de Huesca, o IES Leopoldo Alas Clarín de Oviedo, o IES Joseph María LLompart de Mallorca, o IES Manuel García Barros da Estrada, o Colexio San Agustín de Ceuta, o Colexio San Xosé de Logroño, o IES Santa Teresa de Xesús de Madrid, o IES EGA de San Adrián de Navarra e Madre Vedruna- Sagrado Corazón de Castellón. E na versión de lingua inglesa: o IES Santos ISASA de Montoro (Córdoba) e o IES Pedro Soto de Rojas de Granada.

Os gañadores reciben como premio a participación na iniciativa Euroscola do Parlamento Europeo na súa sede en Estrasburgo (Francia) e unha axuda económica para sufragar parte dos custos da viaxe. Esta axuda oscila entre 6.000 e 8.000 euros por centro, en función da distancia entre a cidade do centro educativo e Estrasburgo. A viaxe e a participación no programa Euroscola realizarase no curso académico 2014/2015, ou ben, no segundo semestre de 2015 no caso de que o elevado número de participantes requiran a súa extensión.

Ovidio Rodeiro fixo especial referencia á participación de máis equipos doutros centros educativos galegos nesta iniciativa, especialmente ao IES Miraflores da Coruña, o IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, o Colexio Marista El Pilar de Vigo e o Colexio Los Suaves de Mos, centros clasificados respectivamente en segundo, terceiro, cuarto e quinto lugar en Galicia.

O equipo galego gañador, ademais do referido premio, recibe da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado unha mochila con material didáctico para cada un dos membros do equipo. Así mesmo, tamén recibe varios estoxos de material escolar e didáctico outorgados pola representación en España da Comisión Europea, a Secretaría de Estado para a UE, o Instituto da Xuventude de España, o Consello da Xuventude de España e a Plataforma do Voluntariado de España.

O tema central desta edición foi o papel do Parlamento Europeo como órgano democrático e as eleccións ao Parlamento Europeo. O concurso nesta convocatoria centrouse en achegar aos mozos e mozas ao Parlamento Europeo e o seu papel na toma de decisións que inflúen na vida cotiá dos máis de cincocentos millóns de habitantes da Unión Europea, así como a relevancia das eleccións europeas que se celebraron en maio de 2014.

Ovidio Rodeiro destacou que o traballo realizado polo equipo galego gañador pódese visionar no seguinte enlace http://euroscolamgbafar.blogspot.com.es/.

Euroscola é un concurso en liña composto por unha serie de probas de coñecementos, habilidades, memoria, velocidade e intelixencia e, sobre todo, traballo en grupo. Convocado pola Oficina de Información do Parlamento Europeo en España, en colaboración coa Representación en España da Comisión Europea e a Secretaría do Estado para a Unión Europea, poden participar nesta iniciativa todos os centros escolares de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato ou ciclos de Formación Profesional de grao medio establecidos no territorio nacional. Para participar é necesario inscribirse por equipos, formados por 10 alumnos/as, de entre 15 e 18 anos, e un profesor responsable que é o líder e representante do equipo. Posteriormente os equipos gañadores, a parte dos seus integrantes, poden convidar a 14 alumnos e a un profesor máis do seu centro para participar no programa Euroscola do Parlamento Europeo.

10 de xuño de 2014 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.